En Marea pide a dimisión do ministro de Justicia polo cese do fiscal que investigaba ao PP

Santiago de Compostela | O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, pediu onte a dimisión do ministro de Justicia, Rafael Catalá, diante dos últimos acontecementos no seu ministerio e o cese de fiscais que estaban investigando ao Partido Popular, como é o caso de Murcia. Segundo Villares, “aproveitar a reorganización das xefaturas das fiscalías para relevar da súa función a quen estaba investigando unha trama corrupta que afectaba ao partido ao que pertence o ministro, o Partido Popular, é algo que non podemos pasar por alto”.

Tamén ten importancia na petición de dimisión do ministro Catalá “as amezas sufridas por quen ata agora era fiscal evidencian unha incapacidade de protexer a quen está desenvolvendo unha función que é fundamental en termos democráticos, que é fundamental contra a corrupción e en termos de transparencia”, engadiu o voceiro parlamentario.

Para Villares “o ministro de Justicia non está a altura do que debe ser un ministro e posto que non é capaz de garantizar a investigación independente das fiscalías, posto que non é capaz de garantizar unhas condicións de seguridade para quen está investigando a corrupción, tanto en Murcia como en calquera outra parte do Estado.

A necesidade de que dimita este ministro “é consecuencia dunha actuación incorrecta e inaceptable porque, se fose correcta, permitiría en Galicia cesar ao fiscal que pediu a declaración como investigados dos altos cargos do SERGAS como consecuencia da denegación dos tratamentos para afectados pola hepatite C”.

Pola súa parte, a deputada por En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, explicou que este xeito de actuar do ministro formaba parte dunha circunstancia política que podería ser considerada como “unha segunda restauración”. “Temos unha nova casa real e un réxime que actúa en favor das oligarquías do país”. Neste contexto, asegurou Díaz, “temos un ministro de Justicia que lonxe de velar pola legalidade e pola garantía que supón a separación de poderes, fai exactamente todo o contrario”

Fiscalía Anticorrupción en Galiza

En Marea considera que a reorganización das xefaturas das fiscalías debería ter sido aproveitada polo ministro para crear a Fiscalía anticorrupción en Galicia. Esta é unha vella demanda de todos os sectores profesionais do país e desde En Marea se considera indispensable a creación desta fiscalía para “acometer unha investigación independente e suficiente e cos medios necesarios en todas as tramas de corrupción que hai en Galicia”. Segundo Luís Villares, esta institución non sería unha novidade posto que xa “existe en outros ámbitos da fiscalía”. O voceiro considera tamén que podería dar “un resultado moi positivo na persecución da corrupción.