En marcha o Campamento Concilia-Tea Nadal

Entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro para menores de 3 a 12 anos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas anuncia a chegada de Concilia-Tea Nadal, un programa deseñado para ofrecer ás familias un espazo divertido e educativo para os máis pequenos durante as vacacións do Nadal.

Este campamento, dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos escolarizados nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria, busca promover a conciliación familiar coa laboral ao mesmo tempo que fomenta a aprendizaxe, a creatividade e a diversión.

A actividade desenvolverase nas instalacións do CEIP “Fermín Bouza Brey” de Ponteareas, situado na rúa Fermín Bouza Brey, 13, durante os días laborais comprendidos entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O custe é de 50 euros por participante.

Ademais, ofrécese un servizo de aula matinal desde as 8:00 ata as 9:00 horas por 10 euros adicionais. É importante mencionar que é preciso un mínimo de 25 inscritos para realizar a actividade principal e 10 para o servizo de aula matinal.

A preinscrición estará aberta desde mañá, 30 de novembro, ata o vindeiro xoves, 7 de decembro e as bases e o impreso poderán obterse na Oficina de Ensino, na segunda planta do concello, de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou na páxina web ponteareas.gal.

A documentación requerida deberá presentarse no Rexistro xeral do Concello de Ponteareas, en horario de 9 a 14 horas ou ben mediante a sede electrónica municipal, previa identificación electrónica: https://ponteareas.sedelectronica.gal.

O xoves 7 de decembro publicarase unha listaxe provisional de admitidos/as nos taboleiros do Concello e tamén na páxina web. A listaxe definitiva estará dispoñible o 13 de decembro nos mesmos lugares. A información completa está publicada nas bases da convocatoria.

En caso de superar a demanda das prazas dispoñibles, iranse cubrindo por estrita orde de presentación no rexistro do Concello de Ponteareas, dando prioridade aos menores empadroados en Ponteareas. Unha vez confirmada a praza, requirirase a presentación da documentación necesaria nun prazo máximo de 48 horas.