En marcha a Mesa Local de Saúde no Porriño

Presidida polo alcalde e composta por concelleiros e membros de entidades civís e de seguridade

O Porriño | O Concello do Porriño celebrou hoxe a Mesa Local de Saude, un foro de traballo que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza e coordinar as accións dos diferentes sectores implicados na resposta ante unha emerxencia sanitaria, así como promover os hábitos de vida saudable entre a veciñanza.

A mesa constituíuse hoxe por primeira vez no Porriño e celebrarase de forma periódica dúas veces ao ano. Presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, está composta pola concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, o concelleiro de Benestar social e Seguridade Cidadá, Abel Estévez, e representantes da Policía Local, Protección Civil do Porriño, centros educativos, Centro de Saúde, Unidade de Atención á Drogodependencia e asociacións locais do eido da saúde e atención social, Osílice, AECC, Afaga e Aceesca.

A atención á saúde emocional, especialmente na infancia e na mocidade, as adicións e a promoción de hábitos de vida saudable foron os eixos centrais sobre os que se acordou elaborar a que será a estratexia local de promoción da saúde, na que traballarán de maneira coordinada técnicos municipais, especialistas sanitarios, asociacións, Policía Local e protección civil e centros educativos

Sobre a mesa puxéronse múltiples propostas baseadas na experiencia de cada un dos actores implicados e nas que se traballará de maneira intersectorial: transformar O Porriño nunha cidade amigable para as persoas con demencia, a creación dunha rede de voluntariado e interacción social ou a creación da figura do acompañante.