Edición especial do disco “Peixe” de Xisco Feijóo para promover a música e tradicións pontevedresas

Unha iniciativa institucional da Deputación de Pontevedra

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra promoverá a música e o canto tradicional da provincia de Pontevedra coa entrega como regalo institucional dunha edición especial do disco Peixe, o primeiro traballo en solitario do cantante, bailador e coreógrafo Xisco Feijoó.

A presidenta Carmela Silva e o artista presentaron esta mañá no Pazo Provincial o agasallo musical, que ten un orixinal formato moi vencellado á provincia de Pontevedra. “Que mellor que entregarlle a quen nos visita o noso corazón, a nosa cultura, o que somos , nun formato extraordinario, metido nunha lata de conservas, que é tamén a nosa tradición económica”, explicou a presidenta.

Carmela Silva subliñou que “falar de Xisco Feijoó é falar da nosa cultura elevada á máxima calidade: é un dos grandes da música tradicional, e traballou cos e coas máis grandes”. A presidenta destacou que ao longo de toda a súa traxectoria o cantante e investigador do patrimonio oral e musical galego “percorreu aldeas recuperando as nosas tradicións para que non se perda o que somos e queremos seguir sendo”, e engadiu que “Peixe é un marabilloso traballo que a Deputación quixo ter como regalo institucional do 2021”.

Neste sentido apuntou que “moita xente vai ter a Galicia na súa casa dentro dunha lata de conservas e coa mellor música” e xa anunciou que no encontro que manterán en setembro os presidentes e presidentas das Deputacións de toda España agasallaraos coa edición especial do disco.

O traballo, lanzado en xullo, inclúe dez pezas entre temas tradicionais adaptados por Feijoó e composicións propias, ademais do videoclip da canción que da nome ao disco. “Hai música e vídeos marabillosos que impactan, moven e fante posicionarte. É a tradición traída ao século XXI con valores que Xisco defende, os principios que nos fan humanas e humanos con ese poder que ten a música de manter aquilo que nos fai únicas e únicos”, subliñou Carmela Silva.

Homenaxe ás mulleres
A máxima responsable provincial tamén recoñeceu a Xisco Feijoó pola homenaxe que rende ás mulleres no disco como grandes conservadoras da tradición oral e musical de Galicia. “Se a nosa tradición se mantén é grazas a que a transmitiron as nosas tataravoas, avoas e nais, e hoxe é a voz das mulleres a que mantén vivas esas tradicións. En Peixe está reflectido o que as mulleres somos”, eloxiou.

Pola súa banda, o artista explicou que o disco “foi un esforzo e un soño que representou moitas vivencias e recordos durante moitísimos anos polas aldeas”. Feijoó explicou que o formato “representa esa lata na que todo é perdurable, a perdurabilidade das nosas tradicións e dun sistema económico que fixo levantar toda a nosa costa, que é tan noso, con tantas mulleres traballando nas conserveiras e tantas mans no salitre”. O cantante e bailador, que interpretou unha peza tradicional a capella durante a presentación do agasallo, declarouse “emocionado por que a Deputación teña escollido Peixe como regalo institucional”.

Peixe, resultado do traballo de recuperación que fixo Feijoó durante máis de tres décadas, é un disco de música tradicional creado desde unha óptica contemporánea. O artista contou coa colaboración de integrantes de Tanxugueiras (Aida Tarrío), SonDeSeu (Alba Faro), e O Fiadeiro (Diego Calviño, Diego Cabaleiro e Iván Blanco). Tamén participa Rodrígo Romaní, fundador de Milladoiro, director da ETRAD e de SonDeSeu; Alasdair Fraser, compositor responsable entre outras da banda sonora O último mohicano e Piratas do Caribe; ou Natalie Haas, mestra de cello na Berkeley School of Music). Completan as colaboracións Úrsula Rial (ETRAD) e Pepe Vaamonde (Pepe Vaamonde Grupo).