“É moi importante que ofrezamos un turismo de calidade aos nosos visitantes”

Marta Valcárcel | Alcaldesa de Salvaterra de Miño
A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, afirma que “Salvaterra de Miño leva anos sendo un dos referentes turísticos de Galicia”.

O Concello recibiu recentemente a marca Q de Calidade Turística. Tamén está o proxecto ecoturístico “Visit Rio Minho”. Significa isto que Salvaterra está potenciándose como destino turístico do Sur de Galicia?
Creo que Salvaterra de Miño leva anos sendo un dos referentes turísticos de Galicia, son centos de persoas as que se desprazan ao noso Concello para disfrutar dos seus grandes atractivos, chamémoslle Parque Público A Canuda, sendas fluviais, Recinto Amurallado, Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, Portal da Inquisición, Monte Castelo…. e iso ten que facer que sigamos traballando para mellorar a nosa oferta turística.

“É moi importante que ofrezamos un turismo de calidade aos nosos visitantes, por ese motivo é tan importante recibir o recoñecemento da marca Q de Calidade Turística”

Nese senso é moi importante que ofrezamos un turismo de calidade aos nosos visitantes, por ese motivo é tan importante recibir o recoñecemento da marca Q de Calidade Turística ao Entorno da Fortaleza de Salvaterra de Miño pola súa aposta a prol da calidade turística, no cumprimento dos requisitos das normas que o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) establece acadando a marca Q de Calidade Turística.

A marca “Q” de Calidade Turística é un certificado de calidade dirixido ao sector turístico. As empresas ou organismos que obteñen esta Q cumpren unha serie de requisitos específicos en canto a calidade dos seus servicios que as diferencias dos seus competidores e son unha garantía de calidade, un premio ao traballo realizado.

Como son as relacións entre o Concello, as adegas e a hostaleria da Vila?
A verdade é que sempre tivemos unha relación moi fluída, e entendo que é como debe ser, xa que debemos ir todos da man. Un dos traballos que ten que facer o Concello é promocionar turisticamente o noso municipio, atraer a visitantes, algo que leva facendo moitos anos e que dará un xiro de 360º en canto se volva a abrir o Espazo Lúdico Termal de Teans.

Hoxe en día o enoturismo xoga un papel moi importante na nosa Comarca e en toda Galicia, as adegas polo tanto son un sector estratéxico tamén para o Concello, e mostra diso é o gran esforzo que facemos para promocionar un produto tan noso como é o noso viño, non só coa festa do espumoso, senon tamén coa do Viño do Condado do Tea.

“Hoxe en día o enoturismo xoga un papel moi importante na nosa Comarca e en toda Galicia, as adegas polo tanto son un sector estratéxico tamén para o Concello”

A nosa hostalería é a encargada de recibir aos nosos turistas e deixarlle tamén esa marca que fagan que queiran volver, e téñeno moi fácil, xa que a nivel gastronómico temos os mellores produtos, polo cal é moi necesario traballar, incentivar, buscar sempre a maneira de seguir crecendo, porque é algo bo para todo o sector e o propio Concello, cando prosperamos e medramos facémolo todos da man.

Axudas COVID. Qué iniciativas emprende o Concello en materia sanitaria e socioeconómica?
Este Concello leva traballando dende o minuto cero da pandemia para dar resposta aos sectores máis perxudicados pola Covid. Por un lado participou coa Xunta de Galicia no II Plan de Rescate da hostalaría, aportando preto de 38.000€ ao sector. Ademais a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra habilitou unha liña de axudas con preto de 28.0000€ para o tecido comercial, sector do táxi.., co fin de poder axudar económicamente a todo aquel negocio que sufriu perdas a mor da crise sanitaria.

Por outro lado somos moi conscientes da gran importancia que teñen as nosas empresas para seguir crecendo como Concello, por ese motivo somos Concello emprendedor, iso significa que calquera empresa que queira investir no noso municipio e xerar postos de emprego ten beneficios fiscais. Vimos de aprobar tamén diversas desgravacións a empresas e particulares que invirtan en enerxías limpas ou adquiran vehículos de baixas emisións, dando resposta tamén ao Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que aprobamos, tanto no ICIO, IBI como no IVTM.

A PLISAN non acaba de arrancar con tranquilidade e seguridade. Agora aparecelle un novo competidor, A Cañiza, para “birlarlle” o proxecto da CTAG da alta velocidade. Como lle está afectando á Alcaldesa de Salvaterra esta nova situación?
Podemos dicir que a PLISAN é unha realidade, agora mesmo temos máis de 700.000m2 urbanizados e que están a disposición de todo aquel que queira invertir no noso territorio. Temos varias empresas interesadas en instalarse, unha que está preparando o proxecto para a súa licencia e as obras de Albo xa moi avanzada, polo cal podemos dicir que despois de todos estes anos de parálise vemos como arrancamos con moita ilusión, porque estamos a falar do futuro dos nosos fillos e fillas.

“O cambio de ubicación (da PLISAN) non sería rentable debido ás condicións climatolóxicas”

No relativo á PLISAN, a alcaldesa asegurou que “temos máis de 700.000m2 urbanizados e que están a disposición de todo aquel que queira invertir no noso territorio”.

Sobre o circuíto da CTAG fago miñas as palabras do Presidente de Zona Franca cando na súa visita As Neves manifestou que o mellor sitio para instalar este proxecto era a PLISAN, e creo que eu fun moi clara, vamos a loitar por que iso sexa así. Creo que non son eu a que ten que dar explicacións as manifestacións de cambio de ubicación, por certo unha ubicación que realmente non sería rentable debido as condicións climatolóxicas.

Aproveite para saudar aos vecinos e veciñas de Salvaterra co gallo das Festas do Nadal e Aninovo.
Moitas gracias, a verdade que para min é un auténtico pracer poder dirixirme a todos os veciños e veciñas de Salvaterra de Miño, sobre todo despois destes meses que se fixeron eternos. Desexo de todo corazón que poidades compartir estes momentos, estas datas de Nadal , con todos os vosos seres queridos e desexarvos un Feliz e próspero ano 2022.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.