Bruxelas/GUE/NGL | A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo aprobou hoxe con 17 votos a favor e 7 en contra un novo acordo de pesca entre a UE e Marrocos, texto que será sometido a votación na sesión plenaria de febreiro. “Logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea emitira unha sentenza que invalidaba o tratado comercial (2015) e posteriormente outra que invalidaba o anterior acordo de pesca (2018) -en ámbolos dous casos por non cumprir, entre outros requisitos, a obriga de consultar á poboación do Sáhara Occidental-, é moi preocupante observar como a UE está a preferenciar os seus intereses económicos por riba do seu propio Tribunal de Xustiza (TXUE). A Unión Europea estase repartindo con Marrocos o botín do espolio do Sáhara Occidental”, advirte a eurodeputada Lídia Senra, encargada de facer o seguimento para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) do informe sobre o acordo de pesca UE-Marrocos que tamén foi votado -pero non aprobado- na mañá de hoxe.
Senra denuncia que este acordo segue sen contar co consentimento do pobo saharauí e será recorrido de novo pola Fronte Polisario
Senra cualifica ademais a actitude da UE de “irresponsábel”, e apunta que vai derivar en máis deslexitimación e custos económicos, xa que “ao igual que fixo a semana pasada co acordo comercial, cabe esperar que a Fronte Polisario denunciará tamén de novo ante o TXUE o acordo de pesca se é aprobado pola plenaria do Parlamento o vindeiro mes”. Son xa varias as veces nas que a xustiza está a dar a razón á Fronte Polisario na súa denuncia contra os acordos establecidos entre a UE e Marrocos pero que afectan ao Sáhara Occidental. Así, á anulación dos acordos comercial e de pesca hai que engadir tamén a anulación o ano pasado do acordo de aviación.
“O Tribunal de Xustiza da UE está a deixar claro que se a UE quere negociar sobre os recursos do Sáhara Occidental debe facelo co pobo saharauí, ao que as nacións unidas recoñece a soberanía permanente dos seus recursos naturais, ca Fronte Polisario como lexítimo representante”, reitera Senra ao tempo que denuncia que situacións como a votación desta mañá na Comisión de Pesca “implican que as institucións europeas estean a posicionarse de parte da potencia ocupante, neste caso o Reino de Marrocos, xa que seguen téndoo como interlocutor e, na práctica, ao establecer relacións comerciais que abarcan os recursos saharauís, estase lexitimando esta ocupación”.
Esta mañá na Comisión de Pesca deuse ademais a controvertida situación de que o poñente do informe que acompañaba este acordo, o presidente da Comisión de Pesca Alain Cadec, votou en contra do seu propio informe para que saíra rexeitado, xa que previamente foron aprobadas emendas que, ao igual que a sentenza do TSUE, entre outras cousas facían fincapé en que a UE tería que ter como interlocutora á Fronte Polisario.