
Ourense | O xornalista Domingo González González (A Teixeira) presentou na librería Tanco de Ourense o libro “Viaxe ao país da soidade”, un traballo xornalístico de primeira orde sobre un dos problemas sociais máis perentorios que atravesa a sociedade española. O volume inclúe reportaxes e entrevistas que o veterano xornalista de Terra de Caldelas realizou durante o ano 2025 percorrendo España partindo de Galicia ata Andalucía, Euskadi e Castela-León.
En 1982 escribiu “Cancro: verdade e esperanza”. En 2023 foi autor de “A radio informativa en España. Da censura á liberdade”, editado por Comunicación Social.

O xornalista ourensán José Manuel Rubín e o escritor e editor caldelao Olegario Sotelo Blanco, interviñeron na presentación da publicación de González. O autor exerceu o xornalismo durante corenta anos. Primeiro como redactor de Radiocadena Española e Radio Nacional de España. Foi director territorial de RNE en Galicia e director do Centro Territorial de TVE en Galicia de 2004 a 2007. En TVE dirixiu e presentou o programa de entrevista “Conversas na dúas”. Domingo González licenciouse en Ciencias da Información, rama xornalismo, pola Universidade Autónoma de Barcelona. Fixo cursos de Doutoramento na Universidade Complutense de Madrid. En prensa escrita traballou en Última Hora, O Luns, Folla do Luns de Palma de Mallorca e en El Correo Catalán de Barcelona. No centro da imaxe, o autor Domingo González, con Olegario Sotelo Blanco á esquerda e José Manuel Rubín, á dereita da foto.




