Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou hoxe a campaña de promoción do comercio local con motivo do Día da Nai. Dende mañá sábado día 26 e ata o día 5 de maio ás 23:59 horas todas as persoas poderán participar no concurso do Día da Nai. Explica o concelleiro de Comercio que en 4 escaparates dos comercios locais está agochado un dos principais sinais de identidade da vila.
As persoas que atopen algún destes sinais de identidade poderán participar no sorteo de 20 vales de compra no comercio local enviando un correo electrónico coa fotografía, o nome da tenda e o seu nome e apelidos a comercio@ponteareas.gal
O concurso convida a pasear e a fixarse nos escaparates visibilizando os establecementos, segundo explica Ricardo González. O tecido comercial forma parte dos atractivos da vila e un servizo indispensable para a cidadanía. “Por este motivo desenvolvemos distintas campañas ao longo do ano que poñen en valor o pequeno comercio e organizamos cada ano a mesa local de comercio na que escoitar, avaliar, deseñar e establecer accións de promoción”, explica a alcaldesa Nava Castro.
Ricardo González agradece a colaboración do Centro Comercial Aberto Banastra, “ao que trasladamos todas as iniciativas e contribué á distribución e boa realización das campañas”.