‘Desxeo’ no Caribe.

Algo estase movendo nas 90 millas que separan a EE.UU de Cuba. De Miami ata A Habana con epicentro en Washington. A mediados de xaneiro reuníronse na capital cubana altos funcionarios de ámbolos dous países para comprometerse en protocolos lexislativos, flexibilización de visados e aspectos migratorios e de seguridade. En decembro, unha delegación empresarial estadounidense reuniuse co presidente cubano Miguel Díaz-Canel.

O presidente estadounidense Joe Biden está buscando acelerar un ‘desxeo’ co histórico ‘inimigo’ cubano. En maio de 2022, en medio do calor da guerra ucraína, a Casa Branca anunciou medidas para revocar a política restritiva cara Cuba herdeira da anterior administración Trump. Biden adianta a flexibilización do envío de remesas á illa caribeña, a apertura de voos estadounidenses cara diversos aeroportos cubanos e o impulso de trámites consulares que permitiron a reapertura da embaixada estadounidense na Habana, entre outras medidas de cariz pragmático e aperturista.

Pola súa banda, Díaz-Canel recolleu con cautela a mensaxe: durante o seu discurso ante a Asemblea do Poder Popular en xaneiro pasado recoñeceu “avances discretos” no diálogo con Washington. Alén a retórica de sempre, na Habana son conscientes do novo momento que se está a vivir nas relacións con EE.UU.

“A que se debe este súbito ‘desxeo’ de Biden con Cuba? Por qué agora?”

Con todo, xorden as interrogantes: a que se debe este súbito ‘desxeo’ de Biden con Cuba? Por qué agora? Ten isto que ver co novo contexto global derivado da guerra ucraína? Veremos cambios en Cuba? Ou estamos ante outra fase expectante e incerta, como foi a aperturista “doutrina Obama” que levou a súa histórica visita á illa en 2016?

Son varios os factores que condicionan este novo momento entre Washington e A Habana. E nisto ten que ver os dous aliados globais máis próximos con Cuba. Con Rusia entrampada na guerra ucraína e as tensións con China, Biden quere tomar a iniciativa para restar influencia ao eixe sino-ruso nos asuntos cubanos, recuperando posicións hemisféricas nun momento de retorno das esquerdas ao poder, con Lula en Brasil como principal epicentro de atención.

Toda vez, se ben o réxime cubano logrou neutralizar as protestas de 2021, a crise económica golpea aos cubanos, alimentando un descontento político dentro do “post-castrismo”, cun maior activismo disidente dentro da illa vía Internet en conexión co exilio en EEUU e Europa. A pesar do seu control represivo, a posición do réxime “post-castrista” é hoxe máis vulnerable, aspecto que pode incentivar a seguir con cautela pero tamén necesidade este ‘desxeo’ de Biden.

Non descartemos a normalización das relacións diplomáticas estadounidenses e europeas coa Venezuela de Maduro, que permitirá entre outras cousas o retorno venezolano ao mercado enerxético internacional, outro aliciente que o réxime cubano observa cunha mestura satisfacción e prudencia. O maná petroleiro venezolano podería así voltar á illa caribeña con expectativas de alivio da súa crise socioeconómica e para supervivencia do réxime. Un escenario tamén condicionado polos intereses das multinacionais occidentais, ávidas de aproveitarse dos recursos venezolanos agora que a desconexión enerxética rusa con Occidente é un feito pero tamén ansiosos de abrir o mercado cubano aos seus intereses comerciais.

“Cando chegou á presidencia en 2021, Biden declarou que Cuba ‘non era unha prioridade’. Hoxe pode que estea cambiando o seu discurso”

Este ‘desxeo’ entre Washington e A Habana pode ser un tema central neste incerto e convulso 2023 que mira con preocupación á proximidade dunha ofensiva militar a gran escala en Ucraína. Cando chegou á presidencia en 2021, Biden declarou que Cuba “non era unha prioridade”. Hoxe pode que estea cambiando o seu discurso e este ‘desxeo’ con Cuba se converta nun vértice chave da súa politica hemisférica…e tamén interna de cara ás eleccións presidenciais de 2024. Como ‘venderlle’ ben este ‘desxeo’ ao influente e intransixente lobby cubano-estadounidense será outro dos grandes retos de Biden.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.