‘Desescalada’ na xeopolítica. É posible?

Fixemos a atención no actual panorama internacional. A pesares das tensións propias desta inesperada ‘era da violencia‘ na que estamos instalados, observamos de súpeto síntomas de certa redución das tensións globais.

Comecemos polas dúas grandes potencias, EE.UU e China. Os seus respectivos presidentes Xi Jinping e Joseph Biden veñen de reunirse no cumio do G-20 en Bali (Indonesia). A ese mesmo cumio asistiu o ministro ruso de Exteriores, Serguéi Lavrov. Por tanto, o escenario prestábase para un posible achegamento da troika protagonista do poder mundial.

A foto de Xi e Biden sonrientes con apretón de mans evidencia a comprensión de Beijing e Washington por rebaixar as tensións no mapa global, moi golpeadas dende Ucraína ata Taiwán e Corea do Norte, sen esquecer outros focos conflitivos. Un deles (Xi) ven de consolidar un poder quase absoluto no XX Congreso do PCCh. O outro (Biden) vén de sobrevivir politicamente a unhas eleccións lexislativas agriamente polarizadas. Exemplos sintomáticos do que son ámbolos dous sistemas e liderados políticos que hoxe teñen nas súas mans a verdadeira posibilidade de impulsar unha necesaria ‘desescalada‘ das tensións globais.

“A foto de Xi e Biden sonrientes con apretón de mans evidencia a comprensión de Beijing e Washington por rebaixar as tensións no mapa global”

Previamente, Xi recibira en Beijing ao chanceler alemá Olaf Schölz e no cumio de Bali tamén reuniuse co presidente francés Emmanuel Macron. O que quere dicir que China manexa negociacións a varias bandas.

Biden asistía ao cumio do G-20 tras obter unha mínima vitoria nos mid-term do pasado 8 de novembro en EE.UU, eleccións que deixan un mapa político sumamente polarizado particularmente de cara ás presidenciais 2024. O Partido Demócrata ten unha mínima maioría no Senado (50 contra 49 dos republicanos) pero o Partido Republicano moi probablemente se alzará coa maioría na Cámara de Representantes.

“Os mid-term en EE.UU revelaron o declive do trumpismo”

Esta polarización obrigará a novos equilibrios entre a Casa Branca e o Congreso en medio dun clima de posible atasco político e lexislativo que definirá os dous anos de mandato que lle restan a Biden. Con todo, os mid-term en EE.UU revelaron o declive do trumpismo (que podemos interpretar como unha sutil vitoria xeopolítica chinesa) mais aló das expectativas de que Trump anuncie a súa candidatura presidencial. Paralelamente, refórzase o poder do recen reelecto gobernador de Florida, Ron DeSantis, como o máis que probable candidato republicano para disputar a Casa Branca en 2024.

Pasemos a Venezuela. Nicolás Maduro sae do ostracismo internacional asistindo ao cumio do Clima COP 25 en Exipto, onde reuniuse con Macron. Francia quere liderar un novo intento de solución da crise venezolana instalando en París o Foro de Paz para Venezuela como novo mecanismo de negociación que substitúa ás intermitentes negociacións entre Maduro e a oposición iniciadas a mediados de 2021 en México, actualmente suspendidas.

“Nicolás Maduro sae do ostracismo internacional asistindo ao cumio do Clima COP 25 en Exipto, onde reuniuse con Macron”

Venezuela ten eleccións presidenciais en 2024 e o vindeiro ano 2023 definirá as respectivas candidaturas. Incluso se fala dun adianto electoral. Co factor enerxético como foco estratéxico, Maduro busca tamén a súa lexitimación internacional poñendo fin ao surrealista e estéril interinato de Guaidó. Unha manobra xa anteriormente adiantada pola administración Biden en marzo pasado cun encontro con Maduro en Caracas, pouco despois da invasión militar rusa a Ucraína. E a ‘normalización’ internacional de Maduro é outra vitoria xeopolítica para China, así como para Putin.

Pasemos á guerra na Ucraína. Co apoio da OTAN, as tropas ucraínas tomaron a estratéxica localidade de Jersón, que Rusia anexionara en outubro pasado vía referendos non recoñecidos pola comunidade internacional e que tamén se realizaron no Donbás e Zaporiyie. Moscova veuse na obriga de recoñecer a súa retirada militar de Jersón, importante por ser vía de paso cara Crimea, baixo soberanía rusa desde 2014.

As tropas rusas se atrincheran agora na marxe oriental do río Dniéper, que atravesa todo o territorio ucraíno, como mecanismo de defensa das súas posicións no Donbás. O comisario de Política Exterior e de Seguridade da UE, Josep Borrell, anunciou que a toma de Jersón é “un punto de inflexión” na guerra ucraína.

Non sabemos se haberá ofensiva militar rusa toda vez o Kremlin asegura que xa están mobilizados máis de 300.000 reservistas. Pero incluso aquí comezan a observarse expectativas de negociación dun armisticio entre Kiev e Moscova. Con anterioridade á toma de Jersón, Washington advertiu ao presidente ucraíno Volodymir Zelenski da necesidade de abrir canais de negociación con Kremlin, unha “liña vermella” que o propio Zelenksi négase ata agora a realizar mentres Putin estea no poder.

“Comezan a observarse expectativas de negociación dun armisticio entre Kiev e Moscova”

Pero as cousas parecen cambiar. Tras unha visita sorpresa a Jersón, Occidente aborda expectativas dunha posible negociación entre Zelenski e Putin, ata agora non exactamente confirmada. Confirmacións, si, absolutamente necesarias para tentar descifrar se non estamos ante manobras de desinformación dende varias bandas para ocultar unha nova ofensiva militar, o si realmente estas expectativas de negociación son reais e efectivas.

Paralelamente, na capital turca Ankara, as delegacións estadounidense e rusa estanse reunindo para falar, oficialmente, do tema nuclear. Pero queda claro que o tema é Ucraína e as manobras efectivas que poidan eventualmente descifrar a posiblidade dun armisticio de súpeto. Os efectos da guerra ucraína na economía global e as dificultades ante un inverno condicionado polas tensións enerxéticas ruso-occidentais parecen determinar esta posibilidad de negociación. A pregunta é: están xa Rusia e Ucraína no límite das súas forzas militares e preparadas para unha negociación diplomática baixo amparo internacional? Como interpretarán os falcóns” de “liña dura” de cada bando esta posibilidade de suspender momentaneamente unha guerra na que teñen xugosos intereses económicos?

Pero o temido inverno sen gas ruso define outra realidade que os mass media escasamente atenden: non existe exactamente unha total desconexión enerxética e comercial entre Rusia e Europa. Hai prezos máis caros e un baile de novas alianzas enerxéticas (Venezuela, Alxeria, Irán) que alteran o mapa global. Pero o comercio segue, quizáis tamén buscando o seu espazo de ‘desescalada’ e ‘normalización’.

E non esquezamos que o vindeiro 20 de novembro comeza o Mundial de Fútbol máis atípico, polémico e politizado da historia, evento de distración global que non escapa da xeopolítica. Como ocorrera con Rusia durante a etapa das eliminatorias, dende Ucraína e incluso ex presidentes da FIFA como Joseph Blatter piden sacar a Irán do Mundial por asistir militarmente ao seu aliado ruso na guerra ucraína. Incluso hai tensións fronteirizas entre Irán e Arabia Saudita, dous países que están presentes no Mundial dos “petrodólares”. Visto así, é posible unha guerra en Oriente Próximo en pleno Mundial? Difícil conxectura pero con Netanyahu volvendo ao poder en Israel cunha versión máis ultradereitista e ultrarrelixiosa, todo é posible.

“Non esquezamos que as tensións globais seguen estando presentes dende Taiwán ata Irán e Corea do Norte”

Con todo, o trasfondo de todos estes acontecementos obriga a interpretar que as grandes potencias buscan vías de recomposición dos seus intereses xeopolíticos de cara a un 2023 tan incerto como imprevisible está sendo este 2022. Se o desgaste da guerra ucraína leva a un posible armisticio similar ao existente desde 1953 na península coreana, non esquezamos que as tensións globais seguen estando presentes dende Taiwán ata Irán e Corea do Norte. Quen especulaba con que a xeopolítica era cousa do pasado e non tiña futuro, que navege nas redes e se convenza do contrario.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.