Encontro en Caracas.

Causou sorpresa a nivel internacional a visita a Caracas dunha comitiva da administración Biden para reunirse co mandatario venezolano Nicolás Maduro. O asunto a tratar? Non é difícil adiviñar: moi probablemente ten que ver co petróleo.

EEUU e Gran Bretaña ven de aplicar duras sancións ao petróleo ruso por mor da guerra na Ucraína. Europa, de momento, non secunda esas sancións. Impóñense as cifras e a xeopolítica enerxética. EEUU consume o 8% do petróleo ruso e dos seus derivados. Polo contrario, Europa depende de Rusia nun 35% do seu consumo enerxético.

Na terceira semana de conflito ucraíno, o barril Brent, referencia en EEUU e Europa, cotízase en US$ 130, unha suba do 40% desde que comezou a guerra. Encher o tanque, por tanto, é cada vez mais oneroso nos principais consumidores enerxéticos occidentais. E iso afecta obviamente o circuíto económico e a produción, que encarece os prezos. Albíscase un período de recesión económica global xusto cando se pensaba entrar na recuperación no mundo da post-pandemia.

Non se deron moitos detalles “oficiais” sobre esa xuntanza en Caracas. Dende a Casa Branca afirmouse que se falou da “seguridade enerxética” e da situación de seis estadounidenses detidos en Venezuela (tralas conversas, Maduro liberou a dous deles). Pero, fiando o fío, as claves dese encontro teñen que ver co novo mapa xeopolítico, enerxético e económico derivado da guerra ucraína.

Para Maduro, é esencial o recoñecemento internacional e Biden é o actor clave para levalo a cabo. Tras anos de conflito con Washington, con relacións diplomáticas suspendidas desde 2019 e a ficción dunha presidencia paralela en mans do opositor Juan Guaidó, a Administración Biden aposta agora pola realpolitik con Maduro ante o difícil cadro económico e xeopolítico a nivel global. O feito de que Guaidó e ningún outro líder opositor fora previamente avisado desta visita a Caracas da a entender por onde van os tiros.

“Para Maduro, é esencial o recoñecemento internacional e Biden é o actor clave para levalo a cabo”

Se ben esta visita da osíxeno diplomático para Maduro, quen inmediatamente aceptou recuperar os diálogos coa oposición que se levan a cabo en México dende finais de 2021, outra cousa é observar como está o panorama petroleiro venezolano.

Actualmente, Petróleos de Venezuela (PDVSA) produce 700.000 barrís diarios de cru. En 1999, cando o chavismo chegou ao poder, Venezuela producía 3,5 millóns b/d, sendo a cuarta potencia petroleira a nivel mundial. Anos de corrupción, desidia e falta de investimento e renovación das infraestruturas petroleiras en Venezuela lastraron a capacidade enerxética do país. Por tanto, eses 700.000 b/d venezolanos non satisfarán, de entrada, a demanda enerxética estadounidense nin logran suplantar a produción rusa cara EEUU.

Pero a xeopolítica e a necesidade de socios enerxéticos cambian o mapa de prioridades para Washington. Como Chávez, Maduro configurou con Rusia, China e Irán unha estratexia enerxética que lle permitiu sortear as sancións estadounidenses. As estatais rusas Rosneft e Gazprom entraron con forza no mercado venezolano e incluso Irán exportou combustible ao país caribeño, algo inédito para un país como Venezuela, que ten as maiores reservas de petróleo e gas natural no seu chan, calculados en aproximadamente 35.000 millóns de barrís de produción que agardan a chegada das multinacionais.

Por tanto, xorden interrogantes e especulacións sobre ese encontro e do que falaron os emisarios de Biden con Maduro. Estamos ante a posibilidade dunha apertura enerxética do mercado venezolano a favor das multinacionais estadounidenses, suplantando así a presenza rusa en Venezuela? Podemos especular con que, trala invasión militar rusa a Ucraína, Biden da por feito que Moscova non vai dar marcha atrás na súa pretensión de colocar a ese país na súa esfera de influencia e, polo tanto, é o momento para Washington de iniciar unha “nova política” con Venezuela que afaste a este país desa esfera de influencia rusa no hemisferio occidental, algo que tanto incomoda a EEUU?

“Estamos ante a posibilidade dunha apertura enerxética do mercado venezolano a favor das multinacionais estadounidenses, suplantando así a presenza rusa en Venezuela?”

A priori, Maduro sae beneficiado desta “apertura” con Washington porque consigue un paso mais cara o recoñecemento internacional da súa presidencia e da ansiada normalización económica venezolana, tras anos de sancións, hiperinflación e crise económica. Polo contrario, Guaidó xa é historia. Nin sequera o seu principal valedor, EEUU, lle toma xa en conta.

Por outra banda, e coas sancións internacionais cara Rusia, Maduro sabe que xa non pode contar coa asistencia financeira rusa e que, incluso, os activos bancarios dos oligarcas venezolanos en bancos rusos están claramente en perigo. Por iso Biden aproveita a conxuntura para cambiar ese mapa enerxético e xeopolítico no seu “patio traseiro” a través dunha apertura con Venezuela que pode supoñer, colateralmente, aires similares cara Cuba. O obxectivo é afastar a influencia rusa, chinesa e iraniana de América Latina, con Venezuela no epicentro. Incluso, no caso de Irán, Washington está adiantando negociacións para retomar o acordo nuclear suspendido por Trump coa pretensión de distanciar a Teherán de Moscova.

“Un novo tempo parece estarse construíndo nas tensas relacións entre Caracas e Washington”

Un novo tempo parece estarse construíndo nas tensas relacións entre Caracas e Washington. Maduro, que fai unha semana apoiaba irrestritamente a Putin na súa guerra ucraína, agora baixou o ton pedindo “diálogo”, sumándose así ás propostas de China e Cuba. E incluso atreveuse a afirmar que nese encontro en Caracas, “as bandeiras de Venezuela e de EEUU, xuntas, víanse bonitas”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.