O ‘eterno retorno’ de “Bibi”.

Estamos en época de retornos no poder. Lula en Brasil e agora Binyamín “Bibi” Netanyahu en Israel. Pero tamén estamos presenciando o (re) ascenso de expresións políticas mesturadas coa relixión como mensaxe, unha simbiose entre a ultraortodoxia e a ultradereita nacionalista e “patriota” que percorre as latitudes xeográficas.

Vexamos algúns exemplos desta “nova política”. En Brasil, os “camioneiros” e simpatizantes de Bolsonaro paralizan o país nun exercicio de protagonismo político por parte do xa ex presidente, quen non deixa claro se realmente recoñece o triunfo de Lula toda vez xura seguir “o mandato da Constitución”. Pero esta nova ‘posta en escena’ do “bolsonarismo” implica observar en que medida condicionará unha transición de poder difícil para o próximo mandatario Lula da Silva, toda vez as súas mensaxes políticas vía redes sociais inclúen frecuentes referencias relixiosas, ben asentadas cara un determinado espazo electoral como son as igrexas pentecostais e a cúpula católica.

Como en Brasil, pero neste caso con diferente signo político, en Israel tamén hai época de retornos con Netanyahu cabalgando cara o poder. Compre por tanto considerar se non estamos asistindo a unha vaga de “dereitización” global en curso, vendo a recente vitoria de Giorgia Meloni en Italia, a preservación do “bolsonarismo” en Brasil (votaron por el 58 millóns de brasileiros, o 49,1%!) e agora con Netanyahu en Israel.

E non debemos esquecer que o vindeiro 8 de novembro son as eleccións lexislativas mid-term en EE.UU, onde un Partido Republicano cada vez máis “trumpista” ten amplas posiblidades de controlar o Congreso e o Senado. A sintonía entre Netanyahu e Trump sempre foi notoria e non sería descartable considerar que estas eleccións israelíes de 2022 teñan en perspectiva a posibilidade dun retorno de Trump á Casa Branca nos comicios presidenciais de 2024.

Pero volvamos a Israel. As recentes eleccións lexislativas israelís, as cuartas desde 2019, demostran o retorno ao poder a ‘dereita dura’ de “Bibi” ao mando do partido Likud pero agora ‘reforzado’ cun novo actor, o Partido Sionista Relixioso (RZP) que dobra a súa representación parlamentaria (ten agora 14 deputados) e será, con toda probabilidade, o actor chave, o “partido bisagra” que asegure un novo mandato para Netanyahu aínda que non se descarta no futuro posibles discrepancias no manexo do Estado, non tanto probablemente en materia de seguridade.

O RZP, un partido sionista de extrema dereita e ultraortodoxo xudeu que moi probablemente colocará no debate nacional a sempre complexa relación entre o Estado e a Relixión, entre o laicismo “sionista” cada vez máis compatibilizado polo auxe das forzas ultraordoxas xudeas e que pode definir os trazos dunha “revolución fundamentalista” en Israel, quen sabe se similar á teocrática iraniana de 1979.

Para Netanyahu, a súa ‘ida e volta’ na política levouno a ser agora, por terceira vez primeiro ministro (antes foi en 1996-1999 e 2009-2021) Se o vemos en perspectiva, Netanyahu ten sido o actor político máis influente na política israelí nas últimas tres décadas, destacando igualmente o seu peso nun sistema político tan volátil e atomizado como é o israelí. Un político incombustible, de ‘mil vidas’ pero sempre útil para asegurar o poder do entramado militar-industrial israelí e do seu aliado estadounidense.

“[Netanyahu] é sempre útil para asegurar o poder do entramado militar-industrial israelí e do seu aliado estadounidense”

O fracaso da esquerda e o escaso impacto do voto árabe en Israel define o prisma dun goberno de ultradereita en Tel Aviv nun contexto delicado para o equilibrio rexional. Destacan aquí o pulso xeopolítico entre tres aliados (Israel, EE.UU, Arabia Saudita) contra  un Irán que segue observando protestas internas tralo asasinato dunha activista feminista. Todo isto sen esquecer focos aínda conflitivos (Siria, Líbano), a persistencia das causas soberanistas dos palestinos e dos kurdos e, mais aló, unha guerra en Ucraína na que potenciais rexionais de Oriente Próximo (Turquía e Irán) teñen presenza.

E aquí veñen as interrogantes: como queda agora o proceso de paz cos palestinos, desde fai anos practicamente inexistente, e precisamente grazas á Netanyahu? Mentres Netanyahu gañaba as eleccións, a Liga Árabe reuníase en Alxeria para retomar o seu apoio á causa palestina.

Pero o contexto actual é diferente. Dende que Trump chegara á Casa Branca en 2017, Israel gañou terreo no mundo árabe. Emiratos Árabes Unidos e Bahrein terminaron recoñecendo a lexitimidade do Estado de Israel. Xerusalén volve a ser a capital do Israel “histórico”, con todo o que iso implica para os árabes e palestinos. Marrocos, o rival alxerino no Magreb, e agora o Líbano veñen achegándose a Israel vía acordos comerciais e ata militares. Con Netanyahu e os seus aliados ultradereitistas e ultraortodoxos, esa axenda xeopolítica do Israel “eterno” cobrará aínda máis peso nunha sociedade cada vez máis radicalizada en materia de seguridad.

Con Netanyahu no poder, haberá algún cambio dentro da ambigua posición israelí ante a guerra ucraína? Israel négase a aplicar as sancións contra Rusia mentres mantén fluídas relacións con Kiev. Aquí xoga un papel importante a diáspora xudea, aínda moi presente en países como Rusia e Ucraína.

Desde a desintegración da URSS, moitos xudeus rusos e ucraínos marcharon á “Madre Patria” israelí. Pero esta diáspora ruso-ucraína en Israel tradicionalmente vota aos partidos ultraortodoxos e ultradereitistas. Son máis antiárabes e antipalestinos que o resto da sociedade israelí. Vendo o éxito electoral do RZP, tivo esa polarizada diáspora rusa e ucraína hoxe enfrontada dentro de Israel pola guerra, algún tipo de influencia na nova composición ultradereitista e ultraortodoxa no poder en Tel Aviv con Netanyahu ao mando?

E non esquecemos Irán, eterno ‘dor de cabeza’ israelí e máis aínda agora coa volta da intransixente posición de Netanyahu a calquera tipo de diálogo con Teherán. Con protestas en Irán, presións europeas para que o país persa volva aos mercados petroleiros ante as tensións con Rusia e as negociacións nucleares vía ONU e a AIEA aínda en curso, o retorno de Netanyahu, augura tensións militaristas en Oriente Próximo entre Israel e Irán nun mundo onde a guerra en Ucraína e as tensións en Taiwán marcan o novo leitmotiv e o preponderante peso dos “falcóns” e da “liña dura” dende Washington ata Beijing.

“O retorno de Netanyahu augura tensións militaristas en Oriente Próximo entre Israel e Irán”

Moitas interrogantes, algunhas delas con explicacións máis visibles, pero que deixan no centro de atención a sensación de que imos cara tempos perigosamente revoltos onde os demagogos e a “liña dura” gañan peso político, mediático e social.

Biden chegou a cualificar o momento actual como a “década decisiva” para a definición do poder mundial do século XXI. Seguramente tiña en mente a China. Putin declarou posteriormente que estamos ante a “década máis perigosa” dende a II Guerra Mundial. Pensaba na OTAN, probablemente.

E agora volve Netanyahu, quen no seu momento chegou a falar de asegurar as “fronteiras históricas” e “bíblicas” do Estado de Israel. “Patriotas” militaristas, ultradereitistas, ultraordoxos e revisionistas, “falcóns” de “liña dura” de novo cuño en todo o mundo, estades todos de noraboa.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.