A xeopolítica detrás da “Primavera” en Irán.

Primeiro, enfoquémonos no contexto. As masivas protestas que vive Irán nos últimos días, motivadas trala detención o pasado 13 de setembro de Mahsa Amini e súa posterior morte en estrañas circunstancias tres días despois, acusada polas autoridades de non usar correctamente o hiyab, implica observar unha nova rebelión social contra o establishment de poder da teocracia iraniana, motorizada por sectores dunha sociedade maioritariamente xoven que ansía cambios e maiores liberdades, traducindo así igualmente o xerme dun movemento contestatario de cariz feminista.

Con case 70 millóns de habitantes, a pirámide de poboación da República Islámica de Irán da a entender un predominio abismal da mocidade: datos de 2021 reflicten que un 68,36% da poboación ocupa a franxa de idade comprendida entre os 15 e 64 anos, toda vez un 28,4% da poboación está na franxa do 0 a 14 anos.

Por tanto, aproximadamente un 70% da poboación iraniana naceu despois da revolución islámica de 1979, un dato salientable que permite igualmente entender o porqué da aparición, en diversas ocasiones, dun descontento social contra o establisment, motorizando así as expectativas de cambio por parte da mocidade iraniana ante o predominio do rigor teocrático nas súas vidas e o peso do illamento exterior, principalmente dende Occidente.  A vaga actual de protestas ten causado, ata o momento, decenas de mortos e centenares de detidos.

“Un 70% da poboación iraniana naceu despois da revolución islámica de 1979, un dato salientable que permite igualmente entender o porqué da aparición, en diversas ocasiones, dun descontento social”

De orixe kurdo, Mahsa Amini estase convertendo nun símbolo de rebelión en Irán que apunta claramente contra a estrutura teocrática, particularmente no caso do Gasht-e Ershad (literalmente “Patrullas de la Moral”), corpo das forzas de seguridade cuxa finalidade estriba en velar polo cumprimento das ‘normas islámicas de pudor’, neste caso o uso do velo ou hiyab.

A tradicional opacidade das autoridades iranianas á hora de explicar as razóns da morte de Amini (cuxo verdadeiro nome en kurdo era Zhina) revela igualmente un delicado contexto derivado pola impunidade do poder ante as violacións de dereitos humanos pero tamén polas difíciles relacións étnicas existentes dentro da República Islámica de Irán, en particular de cara á minoría kurda, invisibilizada oficialmente. Toda vez, a versión oficial de Teherán manexas as variables de sempre: presunta intromisión exterior vía sabotaxes para “prender a mecha” da rebelión contra o poder, amparados igualmente polos medios de comunicación, especialmente dende Occidente.

Pero existen variables de calado xeopolítico que igualmente compre observar neste novo contexto dunha “Primavera” persa tan incerta como inesperada. É significativo que as protestas en Irán coincidan coas que tamén están ocorrendo en Rusia (aliado iraniano) ante a deserción de centos de miles de rusos contra a “mobilización parcial” de reservistas decretada a mediados de setembro polo presidente Vladímir Putin. Pero tamén son significativas as protestas iranianas cando en Afganistán as mulleres igualmente se rebelan contra o retorno do rigorismo Talibán, que volveu ao poder trala desfeita da retirada estadounidense de agosto de 2021.

Por tanto, compre colocar na mesa algunhas interrogantes que podan igualmente esclarecer o que acontecendo en Irán: estamos observando unha nova (e enésima) “Primavera” no país persa, similar ás acontecidas en 1999 e 2009, cuxos resultados foron infrutuosos no relativo ao cambio de réxime? Podemos dicir que estas protestas colocan en risco o poder da teocracia imperante dende a revolución de 1979? Que consecuencias xeopolíticas ten estas protestas (Irán, Rusia, Afganistán) acaecidas dentro dun espazo euroasiático que comezaba a calibrarse como un desafío para Occidente? Podemos afirmar que existe algún tipo de conexión exterior entre estas protestas ou son máis ben espontáneas, determinadas polos respectivos contextos internos? Xogan algún papel actores externos (enfocamos en Occidente e Israel pero tamén en países árabes rivais de Irán como Arabia Saudita e Exipto) receosos da ascendente posición xeopolítica de Irán?

Compre tamén observar que as protestas en Irán ocorren a posteriori das violentas manifestacións que dende agosto pasado sacoden á veciña Iraq. Pero aquí o contexto e os equilibrios de poder son distintos. A comunidade xiíta, maioritaria en Iraq e Irán, desafía o poder cada vez más precario dun establishment instaurado por Washington e os seus aliados trala ilegal e ilexítima invasión militar a Iraq de 2003 que derrubou ao réxime de Saddam Hussein.

Como sucedera en 2021 co retorno dos Talibán en Afganistán, o Occidente capitaneado por EEUU observa agora en Iraq a posibilidade de que un dos seus principais inimigos, a República Islámica de Irán, membro do “eixo do mal” (Bush dixit), practicamente converta a Iraq nunha especie de protectorado ou “esfera de influencia” de Teherán, gañando así a partida xeopolítica a Occidente dúas décadas despois da invasión que sacodeu o taboleiro de Oriente Próximo, toda vez hoxe Iraq corre o risco de eventual desintegración territorial: independencia kurda de facto no norte do país e predominio “xiíta-iraniano” no centro e sur.

Agora ben, ten isto que ver coa rebelión popular en Irán trala morte de Mahsa (Zhina) Amini? Si e non. Porque explicar a rebelión iraniana estritamente en termos de intereses xeopolíticos é tan incompleto como pretender igualmente obviar que precisamente ese contexto xeopolítico, trazado polo pulso entre Occidente con Irán pero tamén cunha Eurasia que tenta redefinirse como eixe de poder (e da que Irán forma parte), ten as súas chaves planeando sobre as protestas que están sucedendo no país persa.

Consideremos así cómo Teherán ven trazando esferas xeopolíticas ao seu favor que lle permitan sortear as sancións occicdentais. Irán ven de ser admitido como membro pleno na Organización de Cooperación de Xangai (OCX) tralo cumio de Samarcanda (Uzbekistán) China, o gran rival a futuro para a OTAN tralo cumio de Madrid, ten preponderancia na OCX sen menoscabar o peso de Rusia (o actual inimigo da OTAN) e India (un poder emerxente global, que tenta equilibrar as súas relacións entre Occidente e Eurasia)

Toda vez, Teherán recuperou o diálogo sobre o seu programa nuclear coa AIEA e a ONU, mentres a Europa temerosa do chatanxe enerxético ruso prega agora polo alivio de sancións contra Irán para que o país persa (un dos principais produtores de petróleo e gas natural, membro fundador da alicaída OPEP) volva con garantías aos mercados enerxéticos e posiblemente substitúa á dependencia enerxética europea de Rusia.

Co aval chinés, Irán tamén solicitou o seu ingreso como membro pleno dos BRICS, o foro emerxente creado en 2003 por China, Rusia, Brasil, India e Sudáfrica e que ten agora un inesperado revival trala guerra ucraína.

En materia militar, Irán participou en agosto en exercicios conxuntos con Rusia, China, Venezuela, Bielorrusia e India, en claro desafío aos imperativos “atlantistas” da OTAN ‘renovada’ tralo cumio de Madrid. A presenza de Irán en América Latina, particularmente en Venezuela, inquieta enormemente a Washington.

As lexítimas protestas iranianas trala morte de Mahsa (Zhina) Amini abren un novo compás de desafío á autoridade do réxime teocrático. Pero está por ver se as mesmas teñen a consistencia suficiente para obrigar a ese réxime a formular concesións. As experiencias anteriores (1999, 2009) non chaman precisamente ao optimismo.

“Os pulsos xeopolíticos (…) colocan a Irán ante disxuntivas de enorme calado nun momento en que comeza a redefinir a súa posición global”

Pero ao marxe das convulsións derivadas dunha rebelión interna aparentemente espontánea se traducen os pulsos xeopolíticos que colocan a Irán ante disxuntivas de enorme calado nun momento en que comeza a redefinir a súa posición global. Veremos se esta “Primavera” persa ten visos de continuidade e poden propiciar unha necesaria democratización, ou se máis ben corre o risco de volver a asfixiarse .

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.