
Nas vésperas dun novo Día da Patria Galega, o vindeiro 25 de xullo, o debate sobre a ampliación e regularización do dereito ao voto para os netos e netas da emigración volve estar no centro da axenda política. A diferenza doutras épocas, hoxe ninguén cuestiona a xustiza histórica de recoñecer a nacionalidade aos descendentes daqueles que marcharon; o propio Partido Popular sentou precedentes similares no Congreso ao aprobar no seu día leis para conceder a nacionalidade aos sefardís descendentes dos expulsados en 1492. O recoñecemento de dereitos á diáspora é un avance lexítimo e necesario, pero os que temos memoria sabemos que o perigo non está na lei, senón no uso que o caciquismo estrutural faga dela.
A historia do sufraxio exterior en Galicia non foi a historia da xustiza social; foi, durante décadas, a crónica do maior uso clientelar consentido da nosa historia contemporánea.
Non son suposicións; son certezas recollidas en numerosos relatos, testemuños directos e investigacións que hoxe dormen o sono dos xustos. Quen non escoitou falar de como se pervertía a necesidade da nosa diáspora máis vulnerable? Hai testemuños documentados que falan abertamente de redes caciquís que pagaban cincuenta dólares por voto. Cincuenta dólares a cambio de asinar unha papeleta introducida nun sobre cuxo destino decidían os intermediarios do PP.
Eran as sacas do correo transatlántico ateigadas de sufraxios emitidos por persoas que levaban décadas sen pisar Galicia e que en ocasións —nun macabro exercicio de funambulismo democrático— levaban anos falecidas pero seguían votando relixiosamente dende o alén. O PP converteu a miseria de fóra no seguro de vida dos privilexiados de aquí.
Hai que blindar a democracia fronte ao fraude do pasado. A regularización dos netos é un paso adiante na reparación da nosa memoria, pero unha esquerda que se pretenda transformadora non pode esquecer como funciona a maquinaria da dereita. Ampliar o censo sen establecer mecanismos de control presenciais, estritos e transparentes nas embaixadas e consulados non é facer xustiza; é deixar a porta aberta para que os herdeiros do fraguismo volvan reactivar os seus vellos patróns de compra de vontades.
“Hai que blindar a democracia fronte ao fraude do pasado”
Como apuntaban Levitsky e Ziblatt no libro Como morren as democracias que xa citabamos no verán do 24, as normas democráticas estráganse por dentro cando os procesos non se blindan ante a picaresca do poder. O prezo dun voto non se pode cotizar nin en dólares nin en favores clientelares, e por iso a transparencia debe ser total.
Temos que ser donos do noso destino, por iso, neste mes de xullo no que reivindicamos a nosa condición de nación, cómpre lembrar cal é a verdadeira prioridade do pobo galego. Ser patriota non é axitar bandeiras nin facer xestión de despacho a mil quilómetros de distancia. Ser patriota, dende unha perspectiva de esquerdas, significa esixir que os galegos e galegas sexamos os únicos donos das nosas políticas.
Garantir o noso futuro pasa indefectiblemente por defender un rural vivo e produtivo, onde as decisións sobre a nosa terra se tomen aquí e non en consellos de administración foráneos. Pasa por blindar unha sanidade pública que hoxe devala desmantelada pola falta de médicos e recursos, por asegurar unha educación de calidade para os nosos fillos, e por exercer unha defensa férrea dos nosos pequenos traballadores, autónomos, labregos e mariñeiros fronte ao espolio impune que as grandes multinacionais —especialmente as enerxéticas co boom dos eólicos— están a perpetrar sobre o noso territorio coa complicidade da dereita de quenda.
A soberanía real pertence á clase traballadora que vive, loita e paga os seus impostos aquí. Un país maltratado que ve marchar cada ano a miles de mozos e mozas pola falta de futuro debe acoller con dignidade aos fillos e netos da emigración, pero sen permitir que o seu voto sexa deturpado por intereses partidistas en Madrid ou Santiago. A xustiza coa diáspora faise recoñecendo a súa identidade e garantindo o dereito ao retorno digno, non convertendo as súas papeletas nunha ferramenta de fraude para a dereita.
Vixíen os movementos dos despachos da capital neste mes de Galicia. Non vaia ser que, coa escusa de ampliar dereitos lexítimos, nos estean colando polos lados o vello truco das sacas transatlánticas para silenciar a voz dos que aquí resisten.
Teñan coidado coas calores de xullo e coas néboas que tratan de ceibar dende arriba. Parece que nos queren facer esquecer que o caciquismo, aínda que mude de tempos, sempre tenta buscar unha fenda por onde entrar.
Sexan felices, se poden.





