As mobilizacións de resposta á presenza e provocacións da extrema dereita na Coruña voltaron pór de manifesto unha vella e recorrente fenda no seo das opcións políticas progresistas. Mentres o BNG condenou claramente os actos vandálicos, organizacións como a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) non emitiron unha condena directa. Na súa narrativa, a responsabilidade desprazouse cara á ilegal-por desproporcionada-intervención policial e á provocación extremista, entendendo os disturbios como unha resposta de autodefensa ou como un síntoma inevitábel do conflito. Non se trata de desacordos tácticos conxunturais. Estamos diante da expresión contemporánea dunha liña de fractura teórica que percorre o pensamento político europeo desde hai máis dun século.
Xa desde a Segunda Internacional (fins do século XIX), a socialdemocracia e o laborismo apostaron pola vía parlamentaria e o respecto á legalidade democrática como canles lexítimas para a transformación social. Pola contra, as correntes marxistas-leninistas e o anarcosindicalismo teorizaron a violencia como un instrumento lexítimo de autodefensa de clase e ruptura fronte á orde burguesa. Despois, nos anos 30 do século XX, o fascismo non era concibido como un interlocutor político vencíbel a medio do debate público, senón como unha ameaza física á que cumpría conter na rúa. Neste contexto a violencia era unha resposta inevitábel fronte á violencia estrutural do sistema.
Esta dualidade mantense viva no panorama político europeo actual. En Francia, a postura combativa de La France Insoumise de Jean-Luc Mélenchon-que evita condenar os disturbios sociais- contrasta coa liña institucional e republicana do Partido Socialista (PS) e a tradición máis clásica do Partido Comunista Francés (PCF). Na Italia o Partido Democrático (PD) defende os que exercen o seu dereito democrático fronte quen comete delitos, mentres o líder da Sinistra Italiana, Nichi Vendola, vén de afirmar que as persoas violentas prexudican o movemento de protesta e reclamou que as protestas conten cunha organización abonda para evitar a actuación de quen fai desfeitas.
“Esta dualidade mantense viva no panorama político europeo actual”
A escala estatal, a evolución de EH Bildu, da CUP e de ERC amosa o complexo tránsito desde a xustificación da mobilización cara asumiren dos estándares de convivencia, un camiño onde ERC e Bildu optaron por gañar institucionalidade mentres a CUP mantivo unha actitude, cando menos ambivalente.
Na Galiza, esta fenda adquire contornos ben definidos. O BNG, forza hexemónica do soberanismo e con vocación clara de goberno, asume sen fíos a defensa da convivencia civil e o rexeitamento da violencia de rúa, coñecedor de que a maioria de goberno só se constrúe desde a solvencia, a madurez e o respecto ás regras democráticas. Viuse abondo no carácter plenamente pacífico das sete manifestacions nas sete grandes cidades da Galiza deste domingo 25 de outubro. Pola contra, sectores da esquerda rupturista e colectivos como a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) semellan confundir o rigor ideolóxico coa tolerancia cos altercados urbanos.
Esta actitude de comprensión dos altercados constitúe un grave erro político e conceptual. Primeiro, por razóns de estritos valores democráticos: nunha sociedade aberta, o monopolio da forza pública pertence ao Estado de Dereito e o respecto á integridade física e ao patrimonio común son piares inquebrantábeis. Segundo, por pura estratexia política: a violencia urbana nunca serviu para neutralizar á extrema dereita; pola contra, alimenta o seu relato vitimista, fornece escusas ao autoritarismo e volve á cidadanía moderada refractaria á xusta protesta social. A resposta ao fascismo non son os disturbios, senón máis democracia, máis razón e máis cidadanía pacificamente mobilizada.
Así e todo o acatamento do monopolio estatal da forza non é un dogma absoluto e atemporal. As forzas progresistas e democráticas poderían lexitimamente descoñecer o devandito monopolio no caso hipotético de involucións totalitarias ou fortemente autoritarias que agravasen substancialmente os parámetros mínimos de igualdade, liberdade, legalidade, neutralidade funcionarial (tamén policial) e xustiza social que definen unha democracia avanzada. Trátase do dereito último á resistencia fronte á tiranía, que mesmo defenderon os teólogos cristiáns como Santo Tomé de Aquino. Agardemos que este escenario, malia as angueiras e tensións de hoxe en día, siga a estar moi, moi afastado.





