Deputados do PSdG Ourense marchan a pe ata Madrid

Para reclamar un reparto democrático dos fondos da Deputación
Os socialistas ourensáns ao seu paso por Zamora.

Ourense | Os deputados e deputadas provinciais do PSdeG-PSOE de Ourense comezaron unha peregrinación de medio cento de quilómetros ata Madrid, para esixir un reparto xusto, equitativo e democrático dos fondos públicos da Deputación Provincial presidida por Manuel Baltar.

Coa iniciativa ‘un millón de pasos por Ourense’ pretenden reclamar o amparo das institucións estatais e do resto de España, co fin de acabar co “reparto caciquil dos cartos de todos e todas”.

Os nove deputados socialistas da institución ourensá partiron ás 16 horas desde a contorna do Pazo Provincial, onde estiveron acompañados de alcaldes e alcaldesas ourensáns; de deputados e deputadas autonómicos e nacionais; do senador por Ourense; de concelleiros e concelleiras e de representantes das outras tres provincias galegas. Asistiron Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputada e membro da executiva provincial do PSdeG-PSOE da Coruña; Pablo Rivera Capón, deputado provincial en Lugo e Carlos López Font, voceiro e deputado provincial en Pontevedra.

Os e as socialistas camiñarán en quendas as 24 horas do día, co fin de chegar á capital española o luns 15 de novembro, xusto antes do Debate do Estado da Provincia que terá lugar ao día seguinte.

Durante o percorrido manterán encontros con cargos do PSOE en Castela e León e a súa chegada a Madrid visitarán institucións estatais, co obxectivo de pedir apoio ante o “caciquismo masivo e indiscriminado” do goberno presidido por Baltar, onde “9 de cada 10 euros acaban en mans de municipios gobernados polo PP”.

“Durante o percorrido manterán encontros con cargos do PSOE en Castela e León e a súa chegada a Madrid visitarán institucións estatais”

Antes de comezo da andaina, o voceiro do grupo provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, sinalou que con esta iniciativa buscan “reclamar que a provincia teña unha administración que reparta os fondos públicos dun xeito obxectivo con independencia da cor política”.

“Estamos fartos dunha dinastía que se apropiou dunha institución pública”, advertiu en referencia ao malestar expresado polos rexedores e rexedoras ourensáns polo proceder do PP, en contraposición cos “plans locais das restantes deputacións de Galicia”, onde os cartos si se distribúen democráticamente.

Villarino aseverou que o Partido Socialista “defende os principios de obxectividade, transparencia, equidade e reparto xusto” e por iso “farán este esforzo” para “loitar por esta provincia”.