Deputación recuperará a Praza Victoria Cadaval en Baiona

Con máis 460.000 euros, sendo o 80 % do orzamento

Baiona | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 460.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para a adecuación do espazo público e mellora dos servizos da praza Victoria Cadaval.

O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 115.000 euros. A sinatura deste protocolo tivo lugar no Pazo Provincial nun acto no que Luis López amosou a súa satisfacción pola posta en marcha de proxectos que mellorarán a imaxe dos espazos urbanos e a calidade de vida da cidadanía, neste caso, do Concello de Baiona.

A obra, valorada en preto de 600.000 euros, servirá para a humanización da praza Victoria Cadaval, un espazo emblemático da núcleo de Sabarís que conecta o ámbito do mercado coa ponte medieval e que forma parte do Camiño Portugués da Costa. O obxectivo destas obras, que estarán centradas en tres piares, pasa pola transformación deste ámbito para que os peóns recuperen o espazo que lle foi arrebatado polos coches.

Para logralo, en primeiro lugar buscarase a creación dun espazo público de calidade que dinamice a actividade comercial e a vida social a través da implantación de novas zonas de estancia, novas zonas verdes, a integración da praza co río da Groba ou a colocación de novos elementos de mobiliario urbano.

Por outro lado, restrinxirase o tráfico mediante a construción dunha plataforma única de preferencia peonil, a limitación da velocidade a 10 quilómetros por hora e a colocación dun sistema de semáforos intelixentes. Ao mesmo tempo, melloraranse todos os servizos coa renovación da rede de saneamento e abastecemento, o soterrado das redes de subministro eléctrico e de telecomunicacións e un novo mecanismo de rego por goteo para os xardíns que contribúan ao aforro do consumo de auga.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Baiona realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López destacou a importancia de recuperar para a cidadanía o espazo público con espazos de alta calidade que promoven a mobilidade peonil e o contacto co medio ambiente.