Deputación e Fundación Araguaney traen a Ourense a mostra de cine Euroárabe AMAL

Reflectindo a situación actual de Palestina co ciclo “Amal en Ruta”

Ourense | A Deputación de Ourense organiza, en colaboración coa Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Semana de Cine Euroárabe AMAL, e coa coordinación do CineClube Padre Feijóo, unha nova edición do ciclo de cine “Amal en Ruta” que traerá a Ourense proxeccións que amosan, desde diferentes puntos de vista, a situación actual que está a vivir Palestina.

A presentación desta proposta cultural tivo lugar hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez; o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cine Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; e o presidente do Cineclube Padre Feijoo, Manuel Precedo Barbeito.

Marcos Vázquez dixo que para a Deputación de Ourense é un luxo “poder contar con este ciclo de “Amal en Ruta” para achegar ó público ourensán unha selección de filmes destacados de cine árabe fomentando ese intercambio cultural”.

Pola súa parte, Jaber Martínez reivindicou o cine como a “linguaxe máis universal para materializar emocións” e a súa capacidade para “trasladar ao espectador e de poñelo na pel dos outros”. Neste sentido, o presidente da Fundación Araguaney dixo que a proposta deste ano intenta “reflectir diferentes puntos de vista do mundo palestino a través dos seus directores e directoras, con propostas de ficción e documentais que abordan diferentes perspectivas das problemáticas que alí acontecen”.

Para Jaber Martínez, as proxeccións desta edición permitirán ao público “coñecer a realidade da vida cotiá dos palestinos sendo un factor clave para entender o que alí está a pasar, pero tamén porque é un piar fundamental para a liberdade dos ourensáns porque para ser libres precisamos información que nos permita analizar o mundo”.

Manuel Precedo dixo que están “moi agradecidos de que se utilice o CineClube Padre Feijóo para acoller esta iniciativa que encaixa cos obxectivos típicos dun cineclube que é abrir á diversidade das propostas fílmicas que se fan habitualmente e ter a oportunidade de ver filmes xordanos, sirios… que, en este caso, tratan todos a temática Palestina”.

Esta edición de “Amal en Ruta” desenvolverase baixo o lema “Ninguén está a salvo” para render homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, que sacudiu o país o pasado 8 de setembro con epicentro na cidade de Ighil; ao igual que sucedeu na cidade libia de Derna, onde a auga arrasou con todo ao seu paso, incluídas infinidade de vidas humanas. E un mes máis tarde, en outubro de 2023, Ghaleb Jaber Martínez lembrou que as bombas destruíron, e continúan facéndoo a día de hoxe, os soños “do sempre esquecido” pobo de Palestina. “Ninguén está a salvo, todos estamos en perigo, independentemente do lugar do mundo no que naceramos, enfrontándonos a riscos como o cambio climático, os extremismos ou o capitalismo salvaxe”, sinalou Jaber Martínez.

Longrametraxes
Amal en Ruta Ourense consta de tres ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver desde o mércores, 29 de maio, ao martes, 4 de xuño, na Casa da Cultura de Ourense (rúa do Concello, 11) ás 20.30 horas. As entradas terán un custo de 3 euros para o público en xeral, mentres que o acceso será de balde para as persoas asociadas ao Cineclube Padre Feijoo.

A primeira sesión será o mércores, 29 de maio, co documental “Mayor”; o xoves 30 de maio, proxectarase a ficción “Farha”; o venres 31 será a quenda da película “Gaza mon amour”; o luns, 3 de xuño, poderase ver a ficción “The reports on Sarah and Saleem”; e a última sesión será o martes, 4 de xuño, coa proxección do documental “Little Palestine, Diary of a Siege”, todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.

Previo á rolda de prensa, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, recibiu no Pazo Provincial ao presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, onde intercambiaron impresións sobre temas de actualidade do mundo árabe.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.