Deputación destina 3,7 M€ para políticas sociais en Concellos pontevedreses

Beneficiará a aqueles municipios menores de 20.000 habitantes

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia para 2024. Ambas liñas de subvencións están destinadas aos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, que contan cun investimento total de 3,7 millóns de euros.

En concreto, no relativo á primeira delas, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición dos concellos preto de 3,1 millóns de euros. Destes recursos, 1,2 millóns estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 1,9 millóns estarán destinados a cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais. Cada un dos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes terá á súa disposición unha achega máxima que vai desde os 24.000 aos 120.000 euros.

A través deste plan, a institución provincial pretende mellorar a calidade de vida das persoas; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; retardar ou evitar a institucionalización, e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

No que respecta ás Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o goberno provincial mobiliza 600.000 euros para que os concellos poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Destes recursos, 393.000 euros van destinados a gasto corrente e os 207.000 restantes serán para investimentos.

A través desta liña de axudas a Deputación de Pontevedra contribúe a sufragar gastos de alimentación, vivenda, subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, a adquisición de electrodomésticos básicos, o pagamento de desprazamentos ou de reparación e mantemento de vehículos, así como de lentes, lentes de contacto e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, atencións de carácter complementario, roupa, calzado, ou gastos relacionados co estudo e apoio á infancia. Neste caso, a contía máxima para cada concello vai desde os 7.800 aos 14.050 euros, en función da súa poboación, índice de dependencia global, taxa de desemprego e renda dispoñible bruta.

230.000€ para o Museo e os Castelos de Soutomaior e Sobroso
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a destinar preto de 230.000 euros para prestar unha mellor atención e servizos aos visitantes no Museo de Pontevedra e nos Castelos de Soutomaior e Sobroso. O presidente provincial, Luis López, detallou que preto de 200.000 euros irán dirixidos á xestión do centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior e 30.000 euros ao desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica de xestión automatizada das visitas ao Museo de Pontevedra e aos castelos de Soutomaior e Sobroso.

No que respecta ao centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior, cuxa xestión acaba de ser adxudicada na Xunta de Goberno, o presidente explicou que o novo servizo contempla o control de acceso, a venda e reserva de entradas, o acompañamento e explicación tanto da musealización como dos xardíns, a atención e información ao público, a elaboración de enquisas e a colaboración na celebración de actividades.

Pola súa banda, o goberno de Luis López tamén adxudicou o desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica automatizada das visitas tanto ao Museo de Pontevedra como aos castelos de Soutomaior e Sobroso.

“O noso obxectivo –asegurou o presidente- é mellorar o sistema de acceso e venda de entradas dos tres centros a través dun sistema de tickets unificado e interconectado que permitirá adquirir entradas, reservar visitas, pagar mediante sistemas como Bizum e obter información en inglés, francés, italiano e portugués, ademais de galego e español”.

“Seguimos dando pasos –engadiu Luis López-na prestación dun servizo de calidade para as persoas que nos visitan”. Neste eido, o presidente provincial avanzou que o vindeiro xoves, 18 de xaneiro, no vestíbulo do Pazo Provincial presentarase un adianto da nova campaña de promoción turística da provincia para o 2024. “O estreo-asegurou- será en FITUR, este mesmo mes, entre o 24 e o 28 de xaneiro, ata onde nos desprazaremos para dar a coñecer a ampla e diversa oferta do noso destino”.