Deputación de Pontevedra organiza xornada de recolección de lixo na Serra do Groba

No marco do Proxecto Libera

Pontevedra| A Deputación de Pontevedra organiza unha nova xornada de retirada de “basuraleza” ao abeiro do Proxecto Libera, no marco da campaña “1m2 por praias e mares”, que se desenvolverá este vindeiro sábado 12 de decembro na Serra da Groba, no Concello de Baiona. As persoas voluntarias interesadas en participar poden inscribirse a través do formulario que atoparán na web da institución provincial.

O obxectivo desta xornada é liberar basuraleza deste espazo, pero tamén tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada. A actividade terá unha duración de 2 horas e os grupos estarán formados por un máximo de 6 persoas, polas restricións da Covid-19. As e os participantes contarán cunha app que lles axudará a introducir e compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e servirán para buscar estratexias máis eficientes e efectivas para acabar con este grave problema ambiental.

O Proxecto Libera, iniciativa de SEO/BirdLife e Ecoembes, facilitaralle ás persoas voluntarias o material necesario para desenvolver a actividade: luvas, bolsas de distintas cores para segregar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e se fará cargo do seguro das e dos participantes. Hai que destacar que o Proxecto Libera traballa a través de todas as súas accións para axudar a conseguir cinco dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Máis polo miúdo, contribúe á Educación de Calidade (ODS 4), á Acción polo Clima (13); Vida submarina (14); Vida dos ecosistemas (15) e Alianzas para lograr os Obxectivos (17).

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!