Deputación de Pontevedra defende o AVE Vigo-Lisboa para 2032

Aprobou o manifesto impulsado pola Xunta de Galicia e a CCDR-Norte de Portugal

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar adherirse ao manifesto impulsado pola Xunta de Galicia e a Comisión de Coordenación e desenvolvemento rexional do norte de Portugal (IP) en favor da construción da liña de alta velocidade ferroviaria que une Vigo con Porto e Lisboa e na súa defensa como unha infraestrutura prioritaria e estratéxica.

“Esta provincia precisa un transporte como corresponde a estas alturas de século XXI xa non só co resto do país, senón tamén coa rexión veciña de Portugal”, asegurou o presidente provincial, Luis López, ao tempo que lembrou que “é un feito que aínda seguimos cunha conexión que leva dúas horas e media de Vigo a Porto, por iso temos que tender pontes, para que esta conexión que demandamos sexa pronto unha realidade”.

O manifesto recolle a vontade de que no ano 2032 se poña en servizo esta infraestrutura estratéxica para toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal tal e como foi aprobada nos Cumios Ibéricos. Ademais, demanda que haxa un orzamento e un calendario realista para acometer estas conexións ferroviarias dentro dos prazos inicialmente comprometidos. Reclama, desta maneira, o desenvolvemento dunha programación completa de actuacións, investimentos e fitos para o desenvolvemento da conexión Vigo-Porto, coa prioridade da Saída Sur de Vigo.

Ademais disto, o manifesto tamén lembra que a actual conexión, o denominado Tren Celta, entre Porto e Vigo presenta, nestes momentos, unha duración de traxecto que ascende a dúas horas e media, conta con material moi obsoleto e ofrece unhas condicións de servizo que cómpre actualizar con urxencia mentres a conexión do Eixo Atlántico non se materialice para facer posible unha viaxe nun tempo máximo dunha hora.