
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, subliñou en Piñor que a institución provincial mantén intacta a súa “vontade de colaboración” coa Xunta de Galicia, co obxectivo prioritario de ofrecer a mellor das atencións aos maiores.
O presidente provincial fixo estas declaracións durante o acto de posta en valor do Plan de investimentos en equipamentos sociais municipais, impulsado pola Xunta de Galicia e no que participou o presidente Alfonso Rueda e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañados polo alcalde de Piñor, José Luís González.
Neste concello, onde se está a construír unha residencia de maiores en colaboración coa Deputación e que ofrecerá 41 prazas, Menor destacou que a posta en marcha destes centros reflicte a estreita cooperación entre o goberno provincial e a administración autonómica”.
A Deputación de Ourense converteuse na “única administración provincial galega que sumou o seu esforzo” a este plan de investimentos impulsado pola Xunta en 2024, lembrou o presidente provincial. Agradeceu o compromiso real coa provincia amosado polo presidente da Xunta e pola conselleira de Política Social e Igualdade, xa que máis do 60 % do orzamento total deste plan autonómico destinouse á construción, ampliación ou mellora de residencias e centros de día en 16 concellos de Ourense.
Catrocentas prazas residenciais
A institución ourensá, puxo de relevo Luís Menor, respondeu a este compromiso achegando recursos económicos para afrontar proxectos estratéxicos nos concellos: 2,3 M€ que contribuirán a crear máis de 400 novas prazas residenciais. Menor avanzou que esta liña de cooperación estratéxica manterase en futuros plans ante a altísima demanda de prazas provocada polo perfil demográfico da poboación ourensá.
Xunto co arraigamento á terra e máis aló do reforzo social e do coidado profesional as 24 horas do día, estas infraestruturas actúan como verdadeiros motores económicos para o rural, pois axudan a xerar postos de traballo cualificados na propia zona; impulsan e activan o comercio local dos concellos; e abren fiestras de oportunidade para fixar habitantes e desenvolver unha economía de proximidade.




