Deputación de Ourense colaborará coa Asociación de Construtores

En materia de formación na procura de nova man de obra

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO), Santiago Ferreiro, para analizar a situación actual do sector, con especial atención ao ámbito formativo na procura de man de obra que axude a paliar a falta de relevo xeracional nesta actividade.

Acompañados polo secretario xeral de ACO, Césareo Fernández, o presidente da Deputación e da asociación de construtores renovaron o compromiso de colaboración en materia de formación, con actividades que se farán extensibles a persoas maiores de 30 anos para paliar a falta de man de obra que está a padecer o sector.

Luis Menor adiantou a Santiago Ferreiro algúns aspectos do capítulo de investimentos previstos no orzamento de 2024 da institución provincial e que inciden directamente na área de negocio das propias empresas asociadas.

Ademais, Menor presentou o novo modelo de financiamento da Deputación, o “Plan CooperOU 2024”, a través do cal se transferirán fondos provinciais aos concellos “descentralizando así a capacidade de contratación en favor das entidades locais”, sen prexuízo de apoio técnico da institución provincial aos municipios.