
Ourense | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial con membros da Asociación de Tecores Galegos (ATEGAL) con quen se comprometeu a abrir unha nova liña de colaboración da institución provincial para colaborar cos gastos de funcionamento desta entidade a prol do “beneficio social que iso implica para a nosa provincia”, sinalou Luís Menor.
Os obxectivos desta entidade están intimamente vencellados á preservación da biodiversidade e á posta en marcha de actuacións que minimicen o impacto que ten a fauna salvaxe na vida diaria dos territorios galegos. Neste sentido, cabe destacar que no caso da provincia de Ourense rexistráronse máis de mil accidentes de tráfico durante o ano por esta razón, así como os numerosos danos que se producen na agricultura e gandaría polo xabaril ou o lobo.
Por outro lado, esta asociación que agrupa a cazadores e poñen en valor o territorio tamén teñen outra finalidade como é o “fomento do turismo deportivo cinexético que ten unha maior influencia e capacidade para mobilizar recursos”, explicou Menor.
Por todo elo, o presidente provincial comprometeuse a abrir esta nova liña de colaboración -xa existente nas outras deputacións galegas- cos tecores para contribuír “seus gastos de funcionamento e cos numerosos beneficios que ten a súa actividade na vida social ourensá”.
Pola súa parte, o secretario de ATEGAL, Manolo Portas agradeceu o compromiso da Deputación de Ourense e puxo en valor a importancia da colaboración institucional para garantir “o bo facer” das sociedades de caza da provincia e para poder afrontar desafíos actuais como os do xabaril.




