Deputación da Coruña sinaliza en Inglaterra o Camiño Inglés a Santiago

No tramo Reading- Southampton

Deputación da Coruña | O Camiño de Santiago entre Reading e Southampton revive unha histórica ruta de peregrinación inglesa con sinalización moderna, unha nova guía e o apoio da Deputación da Coruña, asociacións de turismo, empresas de hostalería e igrexas ao longo das súas 68 millas de lonxitude.

O Camiño Inglés foi sinalizado pola Confraternity of Saint James, unha organización dirixida por voluntarios dedicada a promover a experiencia do camiño no Reino Unido e España, co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. As distintivas balizas de cor azul escuro con frechas amarelas e unha cuncha de vieira -símbolo de Santiago utilizado no Camiño de Santiago- axudarán aos peregrinos, camiñantes e familias que emprenden a ruta a gozar da súa experiencia e manter o rumbo.

O deputado provincial Antonio Leira subliñou esta novo fito na promoción do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, as dúas rutas xacobeas que discorren integramente dentro da provincia da Coruña.

“En 2019 instalamos as primeiras sinais do Camiño en Finchale e hoxe máis de 500 frechas amarelas identifican xa ao tramo Reading-Southampton desta histórica ruta. Hai moitas persoas británicas que xa están vivindo en primeira persoa a experiencia do Camiño partindo do kilómetro cero, como facían os primeiros peregrinos na época medieval”, afirmou Antonio Leira, que destacou “a riqueza patrimonial e histórica do tramo inglés desta ruta xacobea”.

A tradición da peregrinación remóntase ao agasallo do rei Enrique I da ‘Man de Santiago Apóstolo’ á Abadía de Reading no século XII, o que inspirou unha tradición de catro séculos de peregrinación para ver a reliquia e continuar a viaxe a Santiago. Nos séculos XIII e XIV, os peregrinos medievais visitaban a Abadía de Reading para ver a Man de Santiago,.

Desde alí, continuaban a súa peregrinación a través dos actuais West Berkshire e Hampshire ata Southampton antes de tomar un barco cara ás cidades costeiras do noroeste de España (A Coruña ou Ferrol) para camiñar os 75 ou 113 km restantes respectivamente ata a catedral de renome mundial en Santiago.

A ruta de 68 millas está sinalizada con 500 marcadores de ruta desde as ruínas da Abadía de Reading ata God’s House Tower en Southampton, e pasa pola idílica campiña de West Berkshire e Hampshire, así como polas cidades históricas de Reading, Winchester e Southampton. O punto de partida é a Igrexa de St James en Reading.  Desde Reading, a ruta percorre Silchester, Alresford e Winchester ata Southampton, seguindo os pasos que un típico peregrino medieval seguiría para viaxar de igrexa en igrexa ata a costa antes de abordar un barco a España. Hoxe en día, un desvío a Plymouth ou Portsmouth para tomar un ferry, ou ao aeroporto de Southampton, asegura un paso máis.

Alex Brannen, director da Axencia de Destinos e Economía de Reading , di: “É moi emocionante lanzar unha nova ruta a pé de longa distancia que une tantos destinos históricos. O Camiño é unha das rutas de peregrinación máis populares do mundo e agora os camiñantes no Reino Unido poden experimentar parte desa experiencia aquí mesmo, mentres seguen os pasos dos peregrinos da época medieval a través dos nosos pobos e cidades históricas e a gloriosa paisaxe ao longo do camiño.”.

Na actualidade, a ruta de peregrinación do Camiño de Santiago en España é unha das rutas a pé de longa distancia máis transitadas do mundo, con máis de 350.000 peregrinos ao ano que toman unha variedade de rutas a Santiago desde diferentes partes de Europa e máis aló.

David Sinclair, un voluntario da Confraternity of Saint James que supervisa a instalación dos 500 paneis de sinalización, di: “Este xigantesco proxecto para establecer firmemente o Camiño Inglés como un Camiño de Santiago no Reino Unido foi un obxectivo da CSJ durante máis de 30 anos. Esperamos que esta iniciativa abra o camiño para que moitas persoas se poñan a roupa de paseo este verán e, como peregrinos, descubran o Camiño Inglés”.

Deste xeito, a Deputación continúa o seu labor de promoción do Camiño Inglés en Reino Unido, xunto coa colaboración da Asociación de concellos do Camiño Inglés e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía. A esta acción hai que engadir a sinalización doutros tramos en Inglaterra, no nordés (desde a abadía de Finchale pasando pola catedral de Durham e a localidade de Bishop Auckland) ou no oeste, no condado de Cornwall. Nestes últimos tramos tamén colaborou a Xunta de Galicia, cofinanciando a sinalización.

Alianza universitaria para o emprendemento
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña (UDC) e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, asinaron un protocolo de colaboración para impulsar na provincia da Coruña a creación de novas empresas innovadoras con unha importante base tecnolóxica.

O xerme deste acordo de colaboración está na futura ampliación de capital que se vai a aprobar pola sociedade de capital risco UNIRISCO GALICIA S.A, participada por ambas as dúas institucións académicas.

Esta sociedade ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Tanto a Universidade de Santiago como a de A Coruña son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade de capital risco.

A próxima ampliación de capital de UNIRISCO é unha boa oportunidade para que, co apoio da Deputación da Coruña, USC e UDC poidan participar da mesma e así asegurar que na política de investimentos de UNIRISCO se priorice a empresas radicadas na provincia da Coruña pertencentes a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da saúde, tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía e sustentabilidade.

Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de empredemento de base tecnolóxica.

“Unha das claves no desenvolvemento desta política é o apoio financeiro que entidades como UNIRISCO poden ofrecer ás empresas de nova creación cuxa actividade se enmarque en sectores estratéxicos para a provincia”, explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Formoso detacou o “firme compromiso da Deputación nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia”.

A Deputación compromete neste acordo unha achega económica de 400.000,00 €, coa finalidade de financiar a participación das universidades de Santiago e da Coruña na ampliación de capital de UNIRISCO GALICIA.