Deputación da Coruña inviste 800.000€ en axudas para as oficinas de turismo

Aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 19 de febreiro

Deputación da Coruña | Ata as 14 horas do próximo 19 de febreiro estará aberto o prazo de presentación de solicitudes ás axudas que a Deputación da Coruña destina en 2022 para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo dos concellos e agrupacións de municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes.

A institución provincial inviste este ano 800.000, cun mínimo de 10.000 e un máximo 20.000 € por beneficiario.

Desde 2017, a liña de subvencións da Deputación para a contratación de persoal especialista en turismo dálle traballo no ámbito territorial da provincia a 53 persoas e tamén servizo a un total de 62 entidades municipais.

“Un turismo de calidade”, explica o vicepresidente provincial e responsable do departamento de Turismo, Xosé Regueira, “precisa de bos técnicos para planificar e de bo persoal que proporcione a mellor información”. “O concellos”, engade, “teñen necesidade de persoal especializado en turismo para ofrecer un servizo a unha proposta de calidade, e para iso é importante que ofrezamos este tipo de subvencións coas que seremos, seguro, competitivos no futuro”.

Para Regueira, “é necesario planificar recursos e estruturar o produto, e para iso van ser imprescindibles as persoas que saen formadas das universidades en materia turística”.

As solicitudes deberán presentaranse, de xeito telemático, na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de subvencións da Deputación (SUBtel), accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña: https://sede.dacoruna.gal/

Outros artigos