De ruta por Arbo

Paisaxe de biñedos con historia entre as ribeiras do Miño e as montañas do Paradanta.

A partir desta situación a viticultura arabense, ao igual ca galega , inicia no XX un periodo de certa fraqueza, porén a medida que avanza o século vai aumentando de maneira continuada a extensión da vide e a produción de viño debido sobre todo ao aumento do seu consumo e porque a demanda era maior ca oferta. O viño segue sendo un alimento, unha fonte de enerxía, mais tamén un importante sustento económico familiar: as casas labregas que podían vender unha, tres ou seis pipas de viño branco aos viñoteiros da cidade de Vigo e área de influencia arranxaban unha boa parte da súa vida.

Logo dunhas décadas de estancamento, a gran transformación da paisaxe vitícola virá a partir dos oitenta, primeiro coa “denominación específica albariño” en 1980-1984 e anos despois coa denominación de orixe Rías Baixas en 1988.Desde entón as viñas ocuparán non só os arredores ou a cabeceira da veiga, estenderanse polo centro do campo noutrora adicado á plantación do millo .A superficie da vide multiplícase en centos de hectáreas e xorden en Arbo case unha ducia de adegas industriais con modernas tecnoloxías que expanden o albariño , o condado e os novos espumantes polo territorio nacional e polo mundo.

Entre paisaxes de videiras , podese aproveitar a estancia en Arbo para coñecer de perto o belísimo patrimonio natural e histórico orixinado e modelado ao longo dos tempos nestas terras da antiga Gallaecia, espazo común galego-portugués. Ubicados na praza consistorial do Pazo nun pequeno contorno urbano de harmónicas casas de cantaría ao lado do concello, que simbolizan os primeiros sinais da modernidade nos principios do XX, os visitantes teñen a opción de acudir ata o ARABO , fronte a centenaria carballeira de Turbela, centro de interpretación do viño e a lamprea, co ánimo de coñecer unha síntese dos recursos culturais que ofrece esta vila e as súas parroquias.

Unha vez situados, Arbo ofrece interesantes e variadas alternativas para gozar dunha xornadas de atractivo turismo natural, cultural e gastronómico en perfecta complementariedade. Nas ribeiras do Miño, por debaixo da ponte internacional, atópase un tramo de seculares pesqueiras e un dos puntos de partida do “roteiro dos pescadores” que transcorre a pola beira das augas a través das parroquias de Arbo, Barcela e Sela.Non moi lonxe, nas ribeiras do Deva, atópase a contorna e a ponte de Mourentán por onde pasa a antiga verea real Tui-Ribadavia e onde é posible realizar o sendeiro circular “da Moura”.

Outras propostas cheas de beleza e encanto poden encamiñarnos pola ruta dos pazos, torres e casas grandes, desde Sande a Cequeliños ou desde a Almuíña a Sela, ou ben optar pola arquitectura relixiosa da igrexa de Santa María de Arbo co seu dintel do século XV e as súas impresionantes vistas da vila arabense ou Santa Mariña de Sela coas súas impresionantes pinturas murais recentemente restauradas.A montaña ten o seu punto de referencia en San Fins onde se contempla unha impresionante panorámica de Arbo ata as ribeiras miñotas e Portugal.A partir da década dos 90, a ponte internacional permitiu a prolongación e complementariedade turística coa fermosa vila irmá de Melgaço, porta de entrada ao parque natural Peneda-Geres. Ademais da práctica do sendeirismo, é posible realizar actividades propiamente deportivas coma o rafting polos cachóns e rañas do Miño ou marchas BTT polas montañas do Paradanta.

A visita planificada a algunha das adegas D.O Rías Baixas- subzona Condado e a degustación vinícola e lampreeira nos restaurantes e casas de turismo rural, completarían unha visita fantástica ao “prodixioso universo da raia galego portuguesa”, en frase acuñada polo escritor e bo arraiano Méndez Ferrín. A celebración da Festa da Lamprea os días 27, 28 e 29 de abril, festa de interese turístico galego e nacional, pioneira do turismo gastronómico e cultural desde 1961, é unha ocasión ideal para experimentar o pracer de coñecer e saborear estas terras situadas estratexicamente á beira do Miño entre O Paradanta, O Condado e Portugal. Durante estes días de encontro , a lamprea verde no seu sangue e a lamprea escalada rechea harmonizan de maneira festiva cos excelentes albariños e condados brancos e tintos tan louvados por Álvaro Cunqueiro, invitado ilustre e cronista da Festa da Lamprea nos seus inicios: “…rociadlo con albariño de Arbo, con un albariño casi espumoso; un albariño alegre como una reveirana…”, escribía no seu libro La cocina cristiana de Occidente.