Producir foi durante moito tempo sinónimo de riqueza e prosperidade, de feliz realización e mesmo felicidade, de porta ao benestar. Quen máis tiña, seica, máis feliz era! De aí veu esa ansia -que aínda perdura- de fabricar, manufacturar, render contas, contabilizar, reportar beneficios, elaboracións desequilibradas e provocadoras de certa escravitude institucionalizada, onde cada quen tiña o seu cometido e con nómina de fin de mes aliñada en leis que daban lugar a unha indixencia social que os “de arriba” non querían ver, anque sabían dela e era moi notoria. Unha pobreza controlada polos poderes dun estado indigno e submiso que evadiu responsabilidades co pobo e coa maioría produtiva que non distribuía debidamente e de xeito equitativo, nunca tiña en conta aquela suposta propiedade colectiva que evitaría a servidume e repartiría seguridade económica de solvencia social.
Digo isto, xustamente agora en que o capitalismo atroz é quen de comer o mundo, de quedarse mesmo as migallas que antes compartíamos. Empoleiráronse. Por cada mega-rico que vemos nos medios, gastando os nosos bens, hai continentes enteiros que non teñen sombra nin refuxio, alimento ou medicinas. Os propietarios do mundo son uns poucos “tolos” que non saben sequera canto teñen e inventan a verdade, que os demais temos que tragar.
“Inventan novos diñeiros cheos de novas felicidades e proxectos. Ben saben que nos fixeron escravos do seu poder”
Inventan novos diñeiros cheos de novas felicidades e proxectos. Ben saben que nos fixeron escravos do seu poder, seducidos agora de “aparellos” que nos marcan os ritmos vitais e os camiños a seguir, puntualmente medidos da ameaza e control que sobre de nós exercen. Estamos collidos e prisioneiros das súas vontades. Moita xente non podería vivir sen ter esa dependencia. Mais que saiban, todo hai que dicilo, que tamén se morre de fartura. Que esa enchente e opulencia ten un límite e poden ou deben morrer nela.
Efectivamente, despois da súa exuberancia e esaxeración, volvemos ser torpes e caemos na mesma pedra, esa que cre que os propietarios son tan só uns poucos. Un día, nós xa non o veremos, quizais aprendamos e sexamos quen de sabernos donos de nós e capaces de xestionar para todos. Pero esas seica son utopías, fantasías e quizais tamén ficcións que nos montamos na cabeza, anque eu crea nelas e nesa ansia esperanzada de recobrar o pouco da humanidade que nos quede.





