Curro de Mougás en Oia

Este domingo 12 de xuño

Oia | Como vén sendo tradicional, o segundo domingo do mes de xuño celebrarase o curro de Mougás, que na edición deste ano prevé reunir un total de 400 bestas e 120 poldros. Despois das rapas da Valga e Torroña, esta é a terceira e última cita de primavera no concello de Oia.

A partir das 9.00 horas deste domingo día 12 comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Mougás, a onde chegarán sobre as 12.00. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

A xornada, gratuíta para o público asistente, transcorrerá no seu tradicional ambiente festivo, tal e como vén sendo habitual todos os anos a excepción dos momentos nos que as restricións pola COVID-19 obrigaron a celebrar estas rapas das bestas sen público.

Despois dos curros da Valga (8 de maio), Torroña (5 de xuño), e Mougás (12 de xuño), no verán celebraranse os denominados “curros das moscas”.

Outros artigos