Cuba á espera

A Habana é unha cidade asediada pola crise enerxética, unha inflación desbocada, un éxodo xuvenil sen precedentes e un interrogante: en que terminarán as negociacións entre o Goberno cubano e o estadounidense

Cuba é un país paralizado desde que, o pasado decembro, o presidente Trump ameazase con represalias a calquera país que exportase petróleo á illa. Un castigo colectivo ilegal segundo o dereito internacional co que o mandatario estadounidense intenta dobregar ao Goberno cubano para que acepte as súas condicións nunhas negociacións erráticas. Só as vivendas e comercios con placas solares ou xeradores dispoñen de luz durante os apagamentos que sofre regularmente a illa desde hai tres anos e, especialmente, desde o bloqueo enerxético imposto por Donald Trump.

Mentres tanto, o pobo cubano sofre unha crise humanitaria agravada por décadas de bloqueo norteamericano, por políticas locais ineficaces e polo derrubamento do turismo desde a pandemia de COVID-19. Todo iso provocou o maior éxodo da historia recente cubana. De acordo ás cifras oficiais, entre 2021 e 2024 máis de 1,2 millóns de persoas abandonaron a illa.

Juan, vendedor de café, tabaco e retratos dos líderes da Revolución nunha praza do barrio do Vedado. Segundo unha investigación do economista e demógrafo Juan Carlos Albizu-Campos, do Centro Cristián para a Reflexión e o Diálogo en Cuba, a perda poboacional ascende ata o 20%: uns 2,1 millóns de persoas. Un de cada cinco cubanos. A maioría de entre 25 e 40 anos. E moitos dos que non lograron aínda unha vía para fuxir, non ven outro horizonte para mellorar as súas vidas.

“A perda poboacional ascende ata o 20%: uns 2,1 millóns de persoas. Un de cada cinco cubanos. A maioría de entre 25 e 40 anos”

Por agora só poden pensar en cómo “resolver” un día máis. Aínda que os apagamentos son a manifestación máis evidente do colapso enerxético, a falta de combustible ten múltiples consecuencias: os cortes de auga poden durar días porque os depósitos funcionan con electricidade, como os repetidores da internet e telefonía móbil; non hai apenas transporte público, polo que se tiveron que reducir as xornadas laborais e suspender as clases universitarias; os agricultores tiveron que substituír os tractores polos bois, reduciuse a recollida de lixos…

O Capitán, como se lle coñece e preséntase a si mesmo. É un antigo capitán da Intelixencia cubana que se enche de orgullo de traballar na guerra de Ángola. Agora sobrevive coa compravenda de aveños de todo tipo. E moitos días nin sequera hai gas para cociñar, así que moitas familias usan cociñas artesanais de carbón. Unha delas é Emma Navarro, de 84 anos. “Eu querería que houbese un cambio, para mellor, como quere todo o mundo, non?”, di na súa casa nos arredores da Habana.

E, efectivamente, Cuba é un país paralizado á espera dun cambio. Ninguén se aventura a predicir cal será.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.