Creceu nun 67% o número de peregrinos do Camiño Portugués por Tui

Durante o pasado mes de xaneiro

Tui | O Camiño Portugués confirmou o pasado mes de xaneiro a súa importancia e gran afluencia nas rutas xacobeas a Santiago. Segundo datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela, en xaneiro percorreron estes camiños un total de 521 persoas, o que supón un incremento dun 67% con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Este gran incremento vese reflectido en comparación con xaneiro de 2022, no que se fixeron entrega de 311 ‘Compostelas’ a peregrinos do Camiño Portugués. Aínda é máis salientable a cifra de 521 camiñantes de xaneiro de 2023 se se compara con anos anteriores nos que se recolleron estatísticas: 419 fixeron esta ruta no 2020 e 404 en 2019.

Tui tamén se erixe coma referencia para os peregrinos e peregrinas que deciden realizar esta ruta, confirmando a súa importancia no cuarto lugar máis elixido para comezar esta ruta. Deste xeito, foron 114 os camiñantes que iniciaron dende a nosa cidade esta ruta xacobea o pasado mes de xaneiro, só por detrás de Sarria e St. Jean Pied de Port no Camiño Francés, e Porto no mesmo Camiño Portugués.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, expresa a súa satisfacción por este incremento nos datos de peregrinos polo Camiño Portugués, adquirindo aínda maior relevancia ao non ser Ano Santo. O rexedor tudense sinala o importante incentivo que supoñen estes datos para os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués e as expectativas que suscita para este ano 2023, á vez que destaca a exixencia para mellorar as condicións da acollida aos peregrinos que se achegan ata Tui.