Continúan as visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior

Tanto as dúas sesións das visitas caracterizadas “Camelia e moda” que terán lugar este domingo como as do día 10 de marzo, ás 12 a 16 horas, teñen xa todas as prazas esgotadas

Este domingo continúan as visitas caracterizadas de Coco Chanel, María Vinyals e Emilia Pardo Bazán ao Castelo de Soutomaior, que comezaron a pasada fin de semana e esgotaron xa as 150 prazas ofertadas. Durante a visita, á que asistirá a deputada provincial Digna Rivas, estas tres grandes mulleres, darán a coñecer durante hora e media e durante dúas sesións (12 e 16 horas) os principais atractivos dos xardíns do castelo, o proxecto de musealización desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e a exposición “A moda en detalles” que durante o mes de marzo aínda se pode visitar no recinto histórico.

Esta acción, enmarcada na campaña “Fame de experiencias”, ten por obxectivos desestacionalizar o turismo e continuar impulsando o castelo de Soutomaior como eixo de atracción e espazo para a cidadanía. Así, con “Camelia e moda” a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo divulgar un novo xeito de descubrir a historia do Castelo de Soutomaior vivindo múltiples experiencias da man de guías oficiais caracterizadas de Vinyals, Pardo Bazán e Coco Chanel. Deste xeito, amais de coñecer o proxecto de musealización desenvolvido polo goberno de Carmela Silva no castelo e descubrir a historia de María Vinyals, a través desta primeira visita caracterizada é posible achegarse aos xardíns de camelia e complementar a visita cun percorrido pola “Moda en detalles”, unha exposición pioneira que presenta fondos do Museo de Pontevedra nunca antes amosados.

As mulleres seleccionadas para guiar a visita caracterizada ao castelo de Soutomaior teñen unha estreita relación ben co recinto histórico, ben coa camelia, ben coa moda. Así, María Vinyals foi unha das propietarias do castelo que transformou este espazo dun lugar para a guerra a un lugar para a paz, a cultura, as tertulias e as persoas. Outra das protagonistas, Emilia Pardo Bazán amais de ser amiga de Vinyals tamén recolleu nas súas obras reflexións sobre as camelias galegas. E, xunto a Vinyals e Pardo Bazán participará nas visitas caracterizadas Coco Chanel, que compartía coas anteriores dúas grandes paixóns: a moda, de aí que se encargue de explicar cuestións relacionadas coa exposición “A moda en detalles” e a camelia. Neste eido, Chanel adoptou esta flor, nun principio empregada polos homes, como símbolo e emblema da firma dende comezos da década dos anos 20 do século pasado.

As últimas visitas caracterizadas “Camelia e moda” ,que tamén teñen cubertas as prazas ofertadas, terán lugar o vindeiro domingo, 10 de marzo, en sesión de mañá (12 horas) e tarde (16 horas).

A Ruta da Camelia
Xunto ás visitas caracterizadas “Camelia e moda” tamén se están a desenvolver as visitas temáticas “A ruta da camelia” que comezaron o día 21 de febreiro e continuarán os días 5,7,12 e 14 de marzo en dúas sesións diarias, ás 12 e 16 horas. Neste caso as visitas estarán guiadas por persoal do castelo de Soutomaior que dará a coñecer, durante unha hora, os principais exemplares de camelia dos máis de 400 cos que conta o seu xardín, declarado de Excelencia Internacional.