Constituída a Mesa de Calidade Turística no xeodestino “Trevinca-Valdeorras”

“Para avanzar na oferta dun destino acreditado co Sistema Integral de Calidade Turística”, dixo Rosendo Fernández

O Barco de Valdeorras | Na Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, celebrouse a reunión de constitución da Mesa de Calidade Turística no xeodestino “Trevinca-Valdeorras”.

Deste modo, materializouse unha das “iniciativas que decidimos poñer en marcha para avanzar na oferta dun destino acreditado co Sistema Integral de Calidade Turística”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

“Trala boa experiencia que tivemos coa implantación no destino “Ourense Termal”, que nos permitiu avanzar moito nesta materia con case 70 servizos adheridos no conxunto da provincia en tan só dous anos, estendemos o proxecto SICTED tamén aos xeodestinos que xestionamos desde o Inorde, para avanzar cara unha oferta máis sostible e de calidade”, explicou Rosendo Fernández.

Dez servizos turísticos elevados ao Comité de Distinción Nacional
A Mesa de Calidade Turística no xeodestino “Trevinca-Valdeorras” está integrada polas seguintes entidades: a Axencia de Turismo de Galicia -representada polo responsable da área de Calidade-, a Asociación Empresarial de Valdeorras (tamén en representación da CEO) -presente a través da súa xerente-, a Universidade de Vigo -representada polo vicerreitor do Campus de Ourense-, o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras -representado pola vicepresidenta da entidade-, a Ruta do Viño -representada pola vicepresidenta da entidade-, a Asociación de Hostelería e Turismo Trevinca -representada polo seu presidente-, o Clúster de Turismo de Galicia, e a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia. Actuando como secretaria a xestora do SICTED do Destino.

Nesta primeira etapa, xa se adheriron ao destino “Trevinca-Valdeorras” ata dez servizos turísticos, que xa completaron tanto a formación como a avaliación. Unha vez analizadas estas propostas pola Mesa de Calidade, serán elevadas ao Comité de Distinción Nacional, que se celebrará o vindeiro mes de xuño.

Estes servizos turísticos son: Bodega Roandi de O Barco de Valdeorras, Castelo do Bolo, os aloxamentos rurais de A Veiga “Eido das Estrelas” , “Eido do Trisquel” e “O Trisquel”, o Hotel Pazo do Castro, e o restaurante do mesmo nome, no Barco e o Hotel Pena Trevinca de Carballeda de Valdeorras, o aloxamento rural de A Rúa “Pacio do Sil”, e a empresa de turismo activo “Terras altas de Trevinca”. O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino é un proxecto de mellora continua da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.