Concurso de debuxos sobre os ODS en Tomiño

Premiando a creatividade dos escolares de Primaria

Tomiño | Seis escolares de Tomiño recibiron onte un premio pola súa participación no concurso de debuxo organizado polo Concello co fin de sensibilizar e implicar á poboación sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) adoptados polas Nacións Unidas no ano 2015 co fin de erradicar a pobreza, fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza.

O salón de plenos da Casa Consistorial foi o lugar elixido pola alcaldesa Sandra González para facer entrega dos premios (vales de 50 euros para a compra de material escolar) a cada un dos escolares gañadores.

Acompañada por varios concelleiros do seu equipo, entre elas, as de Educación e Medio Ambiente (Cristina Martínez e Ana Belén Casaleiro, respectivamente), a rexedora felicitou aos pequenos/as estudantes, salientando a súa creatividade e interese polo medio no que viven e o futuro do planeta.

No certame participaron todos os colexios de Primaria do municipio, resultando gañadores: Amaya Silva Salgueiro e Antón García Gregores (ambos os dous do CEIP de Sobrada. 1º ciclo de Primaria); Naím Álvarez Fidalgo (CEIP de Barrantes) e Martín Piñeiro Casaleiro (CEIP Plurilingüe de Tebra), ambos os dous do 2º ciclo de Primaria, e Jennifer Marinho Pazos (CEIP Pintor Antonio Fernández. Goián) e Alex Da Costa Vicente (CEIP de Barrantes), ambos os dous de 3º ciclo de Primaria.

Os traballos e debuxos premiados gardaban todos relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, dentro da Axenda 2030, como os de erradicar a pobreza, promover a agricultura sustentable; garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa; alcanzar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas; garantir a dispoñibilidade e a xestión sustentable da auga, etc.

Tomiño é un dos catro concellos de Galicia (e o único de Pontevedra) que está a redactar na actualidade un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles), enmarcado no programa “A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación II”, e impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa financiación da Xunta de Galicia e co traballo do ICSEM (Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, como entidade executora).

Outros artigos