Concello e Policía Local concretan liñas de actuación en Ponteareas

Co énfase na modernización tecnolóxica e a mellora das dependencias

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Seguridade, Francisco Represas, mantiveron a pasada semana unha reunión con todo o persoal do departamento da Policía Local, que na actualidade está conformado por 15 policías locais, unha policía local en prácticas, un oficial e unha praza de persoal administrativo.

Durante o encontro, a rexedora debullou ante o equipo as principais liñas de actuación que se manterán durante os vindeiros catro anos en relación coa seguridade cidadá en Ponteareas e recolleu as demandas trasladadas polas e polos axentes co obxectivo de seguir mellorando este servizo imprescindible para a vila.

Nava Castro amosou o seu compromiso coa modernización tecnolóxica e a mellora das dependencias empregadas pola Policía Local e trasladou ao cadro de persoal que se iniciarán de forma inmediata as xestións para acadar melloras para levar a cabo o seu adestramento físico nas instalacións deportivas da vila.

A alcaldesa resaltou a importancia de contar cun corpo de Policía Local eficiente e preparado e a necesidade de dotar ao departamento dos recursos necesarios para que poidan seguir velando pola seguridade e benestar de veciños e veciñas de forma óptima.

“Queremos brindar ás e aos ponteareáns unha contorna segura na que poidan desenvolver a súa vida cotiá con tranquilidade e para iso é fundamentar contar cunha Policía Local que dispoña de todas as ferramentas e o apoio necesarios”, recalcou Nava Castro.

Compromiso co deporte local
O Goberno municipal reafirmou o seu compromiso co deporte ponteareán na reunión de presentación entre alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Francisco Represas, e todos os clubs e entidades deportivas de Ponteareas.

Durante o encontro a rexedora transmitiu a todas as persoas presentes a aposta do Goberno municipal por impulsar todas as políticas relacionadas co deporte, facendo especial fincapé na mellora das instalacións deportivas municipais. Nava Castro sinalou que “Ponteareas sempre foi un referente para o deporte e iso non podemos perdelo, todo o contrario. Temos que reforzalo poñendo a disposición dos nosos e das nosas deportistas e dos clubs uns recursos axeitados que respondan ás súas necesidades”.

Pola súa banda, durante o encontro o concelleiro Francisco Represas informou que se tentarán resolver de forma prioritaria as axudas para gastos de funcionamento convocadas a inicios deste ano 2023, unha liña de axudas por un importe total de 75.000 euros imputada ao orzamento do ano en curso. “Estas subvencións non corresponden ao orzamento do 2022, como afirmou o anterior goberno municipal, o que significa que os clubs perderon as axudas previstas para o ano 2022 por unha grave falta de xestión”, recalcou.