Concello destina 380.000€ para a inserción social en Ponteareas

Dirixida á veciñanza en risco de exclusión

Ponteareas | O Concello destina 383.611,45 euros a potenciar á inserción social da poboación inmigrante, etnia xitana e colectivos en risco de exclusión na vila. A administración local vén de recibir esta subvención europea, a través da Xunta de Galicia, coa que os beneficiarios reciben formación sobre competencias clave e dixitais, asesoramento legal e actividades de apoio educativo.

O obxectivo deste programa, que ten unha duración de dous anos, é que os veciños e as veciñas que se atopen en risco de exclusión social teñan as oportunidades e recursos necesarios para participar na vida económica, social e cultural da municipio. É por iso que as accións formativas divídense segundo as necesidades de cada colectivo.

Deste xeito, as accións que teñen que ver coa inclusión residencial e a adquisición de competencias clave e dixitais destínanse á etnia xitana e poboación inmigrante. Este último colectivo, ademais, recibe alfabetización sobre as linguas cooficiais de Galicia.

Pola súa banda, as familias vulnerables dispoñen de apoio educativo, entre outras cuestións. No caso das persoas sen fogar, o programa céntrase en reverter a súa situación de exclusión en materia de vivenda.

Como engadido, os técnicos e as técnicas deste programa realizan sesións informativas e de formación transversal que aumentan as posibilidades de inserción das persoas beneficiarias. Para isto, analízase diariamente as súas necesidades e se potencia as tarefas de apoio en materia de saúde, vivenda e alimentación. No caso das persoas inmigrantes, ademais, reciben axuda especializada para resolver cuestións legais relacionadas con estranxeiría.

A concelleira de Servizos Sociais, Raquel Plana, apunta que este programa “busca que todos os veciños es veciñas teñan as mesmas posibilidades independentemente do seu punto de partida” e indicou que “serán os técnicos e as técnicas municipais as persoas que se encarguen de detectar ás persoas que son susceptibles de participar neste programa de inserción social”.