
Tui | Ante as informacións publicadas nos medios de comunicación en relación a un procedemento xudicial que afecta a persoal municipal, o Concello de Tui quere trasladar as seguintes consideracións co obxectivo de garantir a transparencia e o rigor institucional:
En primeiro lugar, o Concello manifesta o seu máximo respecto ao procedemento xudicial en curso e á presunción de inocencia de todas as persoas implicadas. Por responsabilidade institucional, a administración non realizará valoracións sobre feitos que están sendo obxecto de investigación, garantindo así a independencia do proceso.
En segundo lugar, cómpre aclarar que o Concello de Tui conta con mecanismos de intervención técnica en materia de persoal que están plenamente operativos e que xa foron aplicados con éxito en ocasións anteriores. Estes instrumentos permiten á administración actuar de oficio ou a instancia de parte para analizar e clarificar calquera incidencia, garantindo que as relacións laborais se desenvolvan conforme á normativa e ao principio de obxectividade.
A Concellería de Igualdade mantén un compromiso firme coa actualización permanente das ferramentas municipais de protección. Froito deste traballo, o pasado mes de decembro de 2025 aprobouse por unanimidade o IV Plan de Igualdade entre homes e mulleres, un fito estratéxico para a institución.
Nesta liña de avance constante, o Concello atópase na fase final para a aprobación dun novo Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso Laboral e Sexual, cuxo texto xa foi negociado e consensuado coa representación sindical.
Así mesmo, dende a Concellaría de Igualdade iniciáronse os trámites para a elaboración do I Plan de Igualdade específico para os traballadores e traballadoras municipais, que incluirá a realización de avaliacións de riscos psicosociais, co obxectivo de consolidar un marco de traballo onde a seguridade, a igualdade de trato e a responsabilidade no desempeño das funcións públicas sexan piares fundamentais.
O Concello de Tui reitera a súa vontade de seguir traballando nun entorno laboral seguro e profesional, garantindo o equilibrio entre os dereitos do persoal e a excelencia na prestación dos servizos á cidadanía.
PP pide cese temporal do concelleiro de Urbanismo
Pola súa banda, o voceiro municipal do PP de Tui Nico Montes esixiu ao Alcalde, Enrique Cabaleiro, que aparte temporal ao concelleiro de Urbanismo, Miguel Méndez, das súas funcións ao fronte de varios departamentos do Concello ata que se esclareza o caso de presunto delito de acoso laboral contra unha funcionaria e polo que figura en calidade de investigado, a través dunha causa aberta polo Xulgado de Instrucción Número 2 de Tui.




