Concello de Ponteareas solicita a limpeza do couce do río Tea para evitar novos desbordamentos

Fíxoo ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ante as recentes crecidas fluviais

Ponteareas | O Concello de Ponteareas solicitará á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a limpeza do couce do río Tea ao longo de todo o seu percorrido para evitar que se repitan desbordamentos como o do pasado sábado.

Entre as oito da mañá e as dúas da tarde do sábado o nivel do Tea superou o limiar de alerta que se establece nos 3,45 metros. O punto máximo produciuse ás 11 da mañá chegando aos 4,77 metros.

Debido ás choivas producidas pola borrasca ‘Domingos’ entre o pasado venres e o domingo, produciuse unha importante crecida no nivel da auga do río que chegou a desbordar na Ponte Romana.

Pese a que é un feito que conta con precedentes en épocas de chuvia intensa, o Concello considera primordial que o couce do Tea estea o máis limpo e despexado posible para evitar que a corrente arrastre materiais naturais como paus, follas ou algas e mesmo lixo que cheguen a atoar os ollos das pontes facilitando o seu desbordamento.

De feito, e con esta necesidade en mente nas últimas semanas realizáronse traballos de limpeza e mantemento, mesmo eliminando un grande cantidade de alga invasora. Tamén se realizaron xornadas de limpeza con voluntarios sobre todo incidindo na retirada de lixo e co obxectivo de concienciar sobre o coidado do río.

Esta é unha labor en conxunto que deben realizar todos os concellos polos que discorre o Tea para evitar que os materiais que o río pode arrastrar desde os concellos previos polo que descorre cheguen no seu percorrido a Ponteareas.

Precisamente tendo en conta a previsión de aumento dos servizos de emerxencias, os Bombeiros sumaron dous efectivos a maiores na quenda de máis demanda para poder cubrir as necesidades de actuacións, principalmente a retirada de multitude de árbores caídas e cableado, un poste, incluso un muro particular que por mor do vento e a chuvia derrubouse en Moreira, e o rescate dun home que se atopaba dentro do seu coche anegado polo que lle resultaba imposible saír do vehículo.

Segundo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o Tea se atopaba esta mañá cun nivel de 1,89 metros de altura o que se considera por debaixo limiar de activación, moi inferior ao limiar de prealerta estipulado en 2,80 metros, e lonxe dos 3,40 metros de nivel de alerta, polo que se considera que se atopa dentro da normalidade nestes momentos.