Concello de Ponteareas rexistrará a propiedade da finca da caldeira de biomasa

A titularidade municipal da parcela baseouse na titularidade catastral

Ponteareas | O Concello de Ponteareas confirma que está a dar os pasos oportunos para a normalización da propiedade da finca da caldeira de biomasa coa súa inscrición no rexistro.

Como recolle o informe do Secretario Municipal realizado en 2021 e presentado á fiscalía, no expediente de aprobación do proxecto da obra, a titularidade municipal da parcela baseouse na titularidade catastral, no uso e afectación continuada a servizos públicos municipais, na súa cualificación urbanística como equipamento e na realización de diferentes obras que ao longo dos anos custeou o Concello.

A maiores, puido producirse unha adquisición prescriptiva en favor do Concello baixo a figura de usucapión extraordinaria, entendida como forma de adquisición da propiedade baseada no tempo e na posesión, existindo dono, de forma pública, pacífica e non interrompida durante 30 anos.

Como se recolle no informe, dende o ano 1989 non existe constancia de que a Fundación Carmen Palacios Ramilo estea en activo, así como tampouco constan actuacións do Protectorado da Xunta de Galicia, que tiña como función velar polo correcto exercicio dos dereitos da fundación, así como pola legalidade do seu funcionamento.

No ano 1983, tras un proceso de expropiación que non consta como finalizado e acordo plenario, os terreos puxéronse a disposición da Xunta de Galicia para a creación dunha residencia da terceira idade. Xa no ano 1997 a Xunta transfire os inmobles de Centro Social e Residencia da Terceira Idade e a parcela sobre a que se asentan ao Concello de Ponteareas, momento no que non se levaron a cabo os trámites administrativos precisos para rexistrar a propiedade como titularidade municipal.

No ano 2020, o Arquivo municipal e Secretaría do Concello puxéronse en contacto coa Secretaría Xeral Técnica de Política Social da Xunta para solicitar a documentación relacionada con esta transferencia e titularidade, sen conseguir obter a documentación solicitada. Por outra banda, non existe causa de incompatibilidade entre ser membro do Padroado da Fundación e alcalde, alcaldesa ou membro da Corporación municipal, xa que o proxecto de creación da caldeira de biomasa aprobouse en pleno en 2019 por maioría absoluta, contando con 16 votos a favor e 3 abstencións, polo que o voto do rexedor non resultou determinante.