Concello de Ponteareas repón 120 exemplares do fondo da Biblioteca Municipal

Para as catro casiñas de libros e co obxectivo de fomentar a lectura

Ponteareas | Co obxectivo de fomentar a lectura entre a veciñanza de todas as idades, o Concello de vén de repoñer 120 exemplares pertencentes ao fondo da Biblioteca Municipal para empregar nas catro casiñas de libros de Ponteareas.

Con esta reposición consolídase unha iniciativa posta en marcha no ano 2018, a concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, quere promover o intercambio de libros, “estendendo os servizos da biblioteca a todas e todos os ponteareáns, garantindo o acceso de balde á cultura e fomentando a lectura en lugares públicos”.

Ponteareas conta con catro casiñas de libros instaladas na Praza Maior, no parque da Perillana, nos xardíns da Xiralda e no parque Ferro-Ucha, nas que acaban de incluírse novos libros de literatura infantil, xuvenil, adultos, ensaio, historia, arte… “Calquera persoa pode achegarse a estas casiñas e gozar da lectura, porque nelas pódense atopar libros de todos os xéneros e para todos os públicos”, salienta o edil. Ademais, todas as persoas que o desexen poden incorporar libros a estas casiñas viaxeiras, que comezaron a súa andaina pola vila cun lote inicial achegado pola biblioteca municipal. Unha actividade interactiva e participativa na que cada persoa pode coller un libro e deixar outro.

Convocatoria de axudas para material escolar
O Concello de Ponteareas abriu xa o prazo para solicitar as axudas municipais de apoio ao estudo destinadas a alumnado matriculado en 4º, 5º e 6º de educación infantil, FP Básica, ciclos formativos e bacharelato en centros educativos ponteareáns para o curso 2022/2023.

“Estas axudas son imprescindíbeis para seguir apostando pola igualdade de oportunidades, para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, sobre todo na situación actual na que nos atopamos”, asegura a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila.

A rexedora lembrou que “este tipo de gastos escolares supoñen un esforzo cada vez maior para as familias cada inicio de curso e dende o Concello debemos colaborar para paliar posibles dificultades”.

Con esta nova convocatoria, o Concello contribuirá na adquisición de libros de texto e material escolar daquelas familias ponteareás con ingresos máis limitados que non dispoñan de ningunha outra axuda. Para iso destinará 15.000 euros que se suman aos máis de 120.000 euros que se levan destinados nos últimos seis anos.

As axudas terán unha contía máxima de 100 euros por menor. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 19 de agosto no Rexistro Xeral do Concello de forma presencial ou a través de Sede Electrónica. As bases xa están publicadas para a súa consulta na web municipal, así como os formularios precisos para a presentación de solicitudes.