Concello de Ponteareas oferta á Xunta a parcela para o futuro Centro de Saúde

A pé da N-120

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; o primeiro tenente de alcaldesa, Roberto Mera; e a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, acompañados do arquitecto municipal do Concello, mantiveron onte un encontro en Ponteareas con persoal técnico da Consellaría de Sanidade e do SERGAS, que visitaron a localidade para analizar as posíbeis parcelas nas que situar un futuro centro de saúde.

Na reunión, o Concello e os técnicos da Xunta clarificaron as previsións de incremento de
profesionais, de servizos e de consultas, determinando así a superficie que debe ter a parcela para atender non só á construción do centro, cuxas dimensións xa se coñecían, senón tamén as necesidades de aparcamento.

Neste sentido, a Xunta adiantou que en ningún caso as obras a acometer pola administración autonómica incluirían a creación de aparcadoiro soterrado, o que tamén condicionou a selección de posíbeis parcelas.

Ademais da superficie necesaria para o edificio e zona de aparcamento, as dúas administracións coincidiron na necesidade de que o novo centro se atope a carón do casco urbano de maneira que permita o acceso a pé a menos de 15 minutos camiñando á veciñanza da vila e que, ao mesmo tempo, teña unha boa comunicación rodada por estradas principais para facilitar a mobilidade dos servizos de emerxencias e daquelas persoas usuarias que procedentes das parroquias ou doutros concellos precisan desprazarse en vehículo.

Partindo destes parámetros e condicionantes, avaliáronse diferentes parcelas, que ademais foron visitadas in situ, ofertándose finalmente por parte do Concello aquela que, a xuízo da Xunta, é apta para as súas previsións.

A parcela ofertada de maneira preferente sitúase ao pé da N-120, entre as saídas da rúa Castañal e Paseo Matutino, que conforme ao planeamento urbanístico ten reservada unha superficie para dotacións e equipamentos públicos e zona verde. Esta parcela, pola súa superficie e situación, atende todas as necesidades construtivas e de estacionamentos en superficie, así como de distancia a pé do centro urbano.

Esta proposta ten ademais a virtualidade de que, grazas ao PXOM, a adquisición da parcela non supón gasto económico para o Concello. O Goberno Municipal do BNG-PSOE agarda a pronta resposta da Xunta a fin de, unha vez confirmada a viabilidade de parcela, realizar con axilidade os trámites para a súa cesión. A alcaldesa considerou positivo que a Xunta teña entre as súas previsións futuras a creación dun novo centro de saúde “e nese obxectivo terá toda a colaboración do Concello coa cesión dos terreos”, pero lembrou que a día de hoxe o urxente é dotar de persoal sanitario ao actual Centro de Saúde e ao PAC, que se atopan nunha situación insostíbel.

Nos vindeiros días, convocarase unha reunión cos grupos municipais para explicar os pormenores do encontro de onte.