Concello de Ponteareas leva adiante a reforma do novo edificio municipal na Praza Maior

Contratou a redacción do proxecto tras un proceso de participación cidadá

Ponteareas | O goberno do BNG-PSOE contrata a redacción do proxecto de reforma do novo edificio municipal da Praza Maior. Logo dun proceso de participación para o deseño dos usos desta propiedade de máis de 900m2, o goberno traballará cos técnicos para maximizar as posibilidades deste novo ben municipal.

Ubicado no número 39 da praza máis emblématica da vila, a reforma cofinanciarase nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI “Ponteareas, Hábitat Saudable”, e nun 20% polo Concello de Ponteareas.

O novo edificio permitirá dispor de espazos para servizos públicos ou actividades sociais actualmente inexistentes, pero tamén contribuirá á dinamización do casco vello, tanto da propia Praza Maior como das rúas que conectan peonilmente con esta: Oriente, Esperanza, República Arxentina, e outras da zona mais antiga do núcleo.

“O novo edificio permitirá dispor de espazos para servizos públicos ou actividades sociais actualmente inexistentes, pero tamén contribuirá á dinamización do casco vello”

“Este edificio municipal súmase aos dous andares adquiridos no edificio da Seguridade Social e suporá unha mellora máis para a cidadanía que atopará novos espazos nos que desenvolver actividades e beneficiarse de distintos servizos públicos independentemente das súas características socioeconómicas”, explica a alcaldesa Cristina Fdez. Davila. Con este novo proxecto, o goberno local fomentará tamén a concorrencia de persoas á Praza Maior favorecendo a revitalización urbana e comercial da contorna.

“Dotar o edificio de identidade e representatividade con servizos deseñados para o desenvolvemento persoal e social diario da cidadanía é un dos obxectivos deste proxecto que ademais permitirá a mellora funcional, ambiental e paisaxística da Praza Maior”, engade a segunda tenente de alcalde Chus Garrote.

Agora os técnicos teñen o reto de distribuir o espazo dun xeito flexible e versátil para ofrecer actividades e servizos de intensa demanda que atraian a moita xente e de variadas idades, ademais de persoas chegadas de fóra. Unha oficina de atención á cidadanía, unha sala de exposicións tanto fixas como temporais, salas para proxeccións e para actividades formativas, salas de estudo, unha sala para consulta do arquivo, servizo de atención temperá e espazos que contribúan á conciliación familiar e laboral son algúns dos usos que, previsiblemente, acollerá.

En definitiva, o equipo técnico e o goberno traballa para procurar que, dende unha perspectiva contemporánea, a intervención non esqueza a historia e as vidas previas dunha arquitectura representativa do patrimonio de Ponteareas e que, ó tempo, ofreza versatilidade cara ás futuras.

A alcaldesa amosa a súa satisfacción de facer realidade este proxecto non só por dar resposta á necesidade de espazo demandada pola veciñanza se non tamén por revitalizar esta parte da Vila que viña amosando un contínuo deterioro habitacional, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono, así como un progresivo avellentamento e perda de residentes.

“A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permitíunos incrementar o patrimonio municipal adquirindo esta propidade ubicada nunha parcela de 341 m2 á que daremos vida coas ideas e demandas recollidas no proceso de consulta cidadá realizado con representantes do tecido socioeconómico da Vila”

“A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permitíunos incrementar o patrimonio municipal adquirindo esta propidade ubicada nunha parcela de 341 m2 á que daremos vida coas ideas e demandas recollidas no proceso de consulta cidadá realizado con representantes do tecido socioeconómico da Vila (asociacións deportivas e culturais, comerciantes, hostalaría, entidades sociais, colectivos vulnerábeis -mobilidade reducida, terceira idade…-), ademáis dunha consulta dixital e aportacións realizadas por representantes da administración local (goberno e voceiros/as dos grupos políticos con representación municipal, persoal técnico e persoal municipal)”, conclúe Cristina Fdez. Davila.