Concello de Ponteareas impulsará o Plan de Convivencia e Civismo

A través dun proceso participativo coa veciñanza

Ponteareas | No marco da elaboración do futuro Plan de Convivencia e Civismo, o Concello de Ponteareas vén de poñer en marcha un proceso participativo para implicar a toda a veciñanza no traballo de diagnose dos problemas de convivencia na vila e na definición das medidas e solucións que o Concello deberá implementar no futuro.

O Plan de Convivencia e Civismo ten como obxectivo “acadar unha vila e unhas parroquias coidadas, agradábeis, limpas, saudábeis e seguras”, sinala o concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera. Para iso “é fundamental o respecto ao espazo público de convivencia e aos dereitos das demais persoas”. Co Plan preténdese “fomentar o civismo e erradicar os comportamentos que deterioran a convivencia e danan a calidade de vida da veciñanza”.

A veciñanza poderá dar a súa opinión e facilitar información e ideas a través dunha enquisa en liña dispoñíbel na web do Concello de Ponteareas. Ademais, nos vindeiros días distribuirase entre toda a poboación un tríptico informativo no que se inclúe un código QR para acceder directamente ao cuestionario. A enquisa divídese en cinco bloques temáticos relativos á limpeza, aos ruídos, á mobilidade, ao uso do espazo e dos bens públicos e á seguridade e saúde.

“A veciñanza poderá dar a súa opinión e facilitar información e ideas a través dunha enquisa en liña dispoñíbel na web do Concello de Ponteareas”

A veciñanza poderá pronunciarse sobre a frecuencia, importancia e lugares nos que se producen diferentes problemáticas de convivencia e cales son as súas causas, ademais de propoñer accións e medidas para darlles solución dende o Concello.

Co Plan de Convivencia e Civismo o goberno municipal quere abordar os problemas de limpeza nos espazos públicos como a presenza de lixo, cabichas de tabaco, depósito de residuos fóra dos colectores, cartelaría en fachadas, excrementos e miccións de cans ou pintadas. En materia de ruídos, a enquisa refírese aos producidos no interior de locais de hostalaría ou en terrazas, por actividades industriais, eventos, tráfico ou actividades nocturnas de carga e descarga, entre outras.

“Co Plan de Convivencia e Civismo o goberno municipal quere abordar os problemas de limpeza nos espazos públicos”

No relativo á mobilidade as problemáticas sobre as que se pide opinión veciñal son o exceso de velocidade e condución temeraria ou baixo efectos de alcohol ou drogas e a ocupación por vehículos de espazos reservados a peóns ou a persoas con mobilidade reducida. Respecto á seguridade e saúde, os problemas asociados ao botellón, o paseo de cans incumprindo normas de seguridade coma a correa, as edificacións en ruína, os cheiros desagradábeis ou a presenza de roedores ou pragas en zonas públicas conforman a listaxe neste apartado.

Por último, no relativo ao uso dos espazos e bens públicos, pídese opinión respecto á súa ocupación por terrazas de hostalaría, o xogo con balóns en prazas, a presenza de bicicletas e patinetes en zonas peonís ou o vandalismo sobre mobiliario urbano.

“O Concello elaborará un Plan de Convivencia e Civismo que determinará as medidas a adoptar en catro ámbitos: medios materias e humanos; normas xurídicas necesarias; educación; e concienciación social”

Coa diagnose que se obteña a través desta enquisa e das que se están a realizar internamente en diferentes departamentos municipais, o Concello elaborará un Plan de Convivencia e Civismo que determinará as medidas a adoptar en catro ámbitos: o dos medios materiais e humanos e normas xurídicas necesarias para afrontar os problemas, o relativo á educación e concienciación social, o referente á creación de incentivos e alternativas fronte as condutas incívicas e, por último, o que atinxe ás medidas e procedementos sancionadores.

No plano xurídico, o Concello prevé aprobar, ao remate do proceso, unha Ordenanza de Convivencia e Civismo que establecerá os dereitos e obrigas cidadáns así como o marco sancionador fronte ás condutas incívicas.

O concelleiro, Roberto Mera, animou ao conxunto da veciñanza “a participar na enquisa porque todas as opinións, propostas e ideas que recibamos servirán para acertar na diagnose dos problemas e atinar na toma de decisións para solucionalos”.