Concello de Ponteareas impulsa iniciativas contra os incendios

Ofrecerá colaboración ás Comunidades de Montes

Ponteareas | O Concello de Ponteareas trasladará as iniciativas que se poñan en marcha á Oficina Municipal de Voluntariado, co obxectivo de activar de inmediato a colaboración cidadá

Ante a vaga de lumes que asola o noso país e que xa afectou nos pasados días a Ponteareas, a alcaldesa da localidade, Cristina Fernández Davila, vén de dirixirse ás Comunidades de Montes para pórse “á súa disposición para colaborar dende o Concello en tarefas de vixilancia dos montes”.

“As elevadas temperaturas e a seca que arrastramos determinan unha situación idónea para que persoas sen sensibilidade cara os nosos recursos forestais prendan lume en diferentes zonas”, indica a alcaldesa. Ante esta previsión, Fernández Davila sinala que “é necesario estar cada vez máis alerta nos nosos montes, dando aviso ao 085 ao detectar lume, pero tamén avisando no caso de observar algunha acción sospeitosa”.

Por este motivo, a alcaldesa animou ás Comunidades de Montes a pór en marcha operativos de vixilancia nos montes. “Dende o Concello trasladaremos as iniciativas que se poñan en marcha á Oficina Municipal de Voluntariado, co obxectivo de activar de inmediato a colaboración e que poidan sumárselle persoas voluntarias ao equipo para facer quendas de vixilancia”, informou.

“En Ponteareas temos exemplos que demostran que naqueles montes nos que hai operativos veciñais de vixilancia, redúcense as posibilidades de incendio, e no caso de producírense pode facérselles fronte con maior celeridade. Temos que agradecer todo este traballo, e estou convencida de que traballando conxuntamente seremos quen de protexer o medio natural do territorio que tanto amamos”, afirmou Cristina Fernández.

As persoas interesadas en sumarse ao voluntariado municipal, poden facelo a través do enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal.