Concello de Ponteareas e a Xunta reúnense sobre competencias en política social

Buscaron vías de solución no relativo ás competencias autonómicas no municipio

Ponteareas | O Concello de Ponteareas continúa a dar pasos para que a Xunta de Galicia asuma parte das competencias que lle corresponden como ente autonómico en materia de política social no municipio.

A alcaldesa Cristina Fernández Davila, a concelleira de Benestar Social Verónica Carrera e o edil de Facenda Pancho Alonso reuníronse este venres en Santiago coa conselleira de Política Social, Fabiola García, quen se comprometeu a facerse cargo dalgúns aspectos dos servizos públicos que asume o Concello a pesar de ter a Xunta competencia exclusiva, buscando fórmulas para melloralos.

A rexedora ponteareá valorou de forma moi positiva este primeiro paso adiante “para equilibrar a situación”, aínda que asegura que queda moito camiño por diante e que “seguiremos traballando con determinación para que a Xunta asuma a xestión e o gasto dos servizos dos que ten plena competencia, ao igual que o Concello fai fronte aos que son da súa responsabilidade”.

“A rexedora ponteareá valorou de forma moi positiva este primeiro paso adiante ‘para equilibrar a situación”

Durante o encontro, a alcaldesa recordou á conselleira que “cada ano o Concello gasta 1,6 millóns de euros só en servizos de política social que dependen do Goberno autonómico e que ten abandonados, servizos que a Xunta si está a asumir noutros municipios”.

Escola infantil e residencia de maiores
Durante o encontro, conselleira, alcaldesa e edís abordaron a situación da Escola Infantil, con dúas aulas pechadas e 29 prazas menos tras o expediente sancionador imposto pola Xunta por unha polémica ampliación do centro educativo realizada en 2006 sen autorización pero que o Goberno autonómico permitiu durante 14 anos.

A pesar de que ata o de agora a Xunta só permitía realizar as obras de adaptación coa escola pechada, o cambio de criterio da Consellería nesta reunión permitirá realizar estes traballos por fases. A Xunta comprometeuse a colaborar na realización destas obras e a estudar a súa achega económica despois de que o Concello achegue un plan detallado de execución das actuacións necesarias.

Ademais, o Goberno municipal porá a disposición da Xunta os terreos para que o Goberno autonómico poida construír unha nova escola municipal tras a aprobación do PXOM, compromiso ao que se chegara en 2015.

Na reunión tamén se acordou que a Xunta axilizaría o trámite de resolución do procedemento sancionador aberto contra a residencia de maiores Santa Ana. A Xunta decidiu sancionar a este centro por acoller usuarias e usuarios dependentes cando as prazas son para persoas con autonomía, xa que o Concello decidiu mantelas na residencia “para darlles unha alternativa asistencial e salvagardar a súa saúde mentres agardan por unha praza nun centro especializado dependente da Consellería de Política Social que non termina de chegar. É fundamental que non se demoren os tempos no proceso de reubicación de usuarios e usuarias dependentes”, como salientou a edil de Benestar Social.

Ademais, o Goberno municipal volveu trasladar á Consellería a necesidade de que acometan obras na residencia “para contar cunhas instalacións dignas”, unha demanda histórica por parte de Ponteareas.

A oficina técnica do Concello enviará unha informe coas necesidades máis urxentes, un informe que actualizará o xa presentado nunha reunión mantida en 2018 co anterior alcalde, Xosé Represas, e ao que se lle suman novos traballos de mellora indispensables para o bo funcionamento do centro.