Concello de Ponteareas ampliará a rede de abastecemento de auga en Albar e Puzo

Cun investimento de 60.000€

Ponteareas | Para o Concello de Ponteareas os servizos básicos como o abastecemento de auga potable para todos os veciños e veciñas son unha prioridade. Neste camiño, esta semana comezaron as obras de ampliación da rede de abastecemento en Albar e Puzo, en San Mateo de Oliveira, que permitirá conectar á rede municipal a un grupo de vivendas que na actualidade carece deste servizo.

“Un dos obxectivos que nos marcamos neste mandato é que, na medida do posible, toda a veciñanza poda gozar deste servizo básico”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Cun investimento de máis de 60.000 euros, as obras estarán rematadas nos vindeiros meses. Os traballos consistirán na instalación de dous novos tramos de rede de abastecemento cun total de 1,3 quilómetros, repartidos en 687 metros situado na zona de Albar e outros 625 metros en Puzo.

Como resposta á demanda de servizo por parte da veciñanza, “o Concello conta cun proxecto ordenado de ampliación da rede de abastecemento nas zonas rurais de Ponteareas no que se ten en conta especialmente aqueles lugares das nosas parroquias que teñen maiores dificultades ou problemáticas engadidas, como poden ser épocas de seca”, explicou a concelleira de Infraestruturas Básicas, Lola Covelo.