Concello de Oia convida á veciñanza a participar nun documental sobre a agricultura tradicional

A iniciativa busca recoller usos e costumes tradicionais, así como o vocabulario específico

Oia | O Concello de Oia elaborará unha nova recompilación de historias e tradicións locais a través dun documental en vídeo, que nesta ocasión se centrará no patrimonio material e inmaterial vinculado coas distintas actividades do agro. Para elo, anima á veciñanza a colaborar compartindo as súas experiencias persoais ou achegando información.

Poderán participar persoas de calquera idade, pero búscanse especialmente maiores que posúan coñecementos e vivencias persoais sobre traballos agrarios tradicionais (desaparecidos ou que aínda se manteñan) e que estean dispostas a relatalas no vídeo. Deste xeito, ademais de divulgar historias, prácticas e costumes, o documental tamén rexistrará o vocabulario específico e as variantes dialectais do galego que se fala na zona.

“Ademais de divulgar historias, prácticas e costumes, o documental tamén rexistrará o vocabulario específico e as variantes dialectais do galego que se fala na zona”

As persoas interesadas en participar ou facer algún tipo de achega a este novo proxecto de vídeo, poderán contactar co Concello no teléfono 986.36.21.25. As achegas recibidas serán tidas en conta á hora de facer a selección de contidos, personaxes e concertar as citas para a gravación.

Patrimonio e lingua
O documental ten o obxectivo de por en valor e recuperar os labores agrícolas tradicionais en Oia, implicar a distintas persoas e institucións nun proxecto participativo, rexistrar variantes dialectais do galego local, impulsar o uso da lingua galega e acadar unha valoración positiva do idioma entre as persoas que o empregan no seu día a día -e que, por tanto, a promocionan a través dese uso cotiá-.

O Concello de Oia ten solicitado diversas axudas para a realización deste documental, concretamente unha subvención para promoción da lingua galega da Xunta de Galicia e outra para dinamización da lingua da Deputación de Pontevedra.

O vídeo sobre ao agro en Oia supón dar continuidade aos proxectos audiovisuais que o Concello leva desenvolvendo nos últimos anos co obxectivo de rexistrar distintas historias e tradicións locais. Nese sentido, téñense elaborado os documentais “Memorias de Oia”, “Lembranzas doutro tempo” e “Cociña interxeracional”.

Outros artigos