Allariz | O Concello de Allariz presentou a programación especial do Día das Letras Galegas 2025. O acto contou coa presenza da alcaldesa Cristina Cid, e os concelleiros Alberto Conde (Cultura), Iago Santás (Mocidade) e María López (Promoción Económica), quen destacaron a importancia de promover o uso da lingua galega a través de iniciativas culturais abertas á participación de toda a veciñanza, “o papel esencial da cultura e da lingua galega como eixe da identidade”.
A programación desenvolverase entre os días 16 e 18 de maio e inclúe unha ampla variedade de actividades culturais pensadas para todos os públicos: A celebración comezará o venres 16 ás 21:30 na Praza Maior cunha noite de música tradicional e contemporánea. Actuarán: A Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, a agrupación Ukestra do Medio e o grupo Guezos, cun concerto que mestura folk e rock en galego.
O sábado 17 terá lugar o roteiro temático “No Día das Letras Galegas, percorremos Allariz da man dos seus escritores!”, unha actividade que convida a redescubrir a vila a través da súa relación coas letras. O percorrido, guiado, sairá ás 12:00 h desde a Oficina de Turismo e será necesaria inscrición previa en turismo@xeitura.com . Ás 12:30 h, no Iseo A Moura – Mercado da Reserva, celebrarase a sesión de contacontos “Se as árbores falasen”, unha proposta de narración oral pensada para público infantil e familiar. Xa pola tarde, ás 20:00 h, a música volverá ser protagonista co concerto da Unión Musical de Allariz no marco do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
A programación pecharase o domingo 18 cunha proposta teatral dirixida ao público familiar: o espectáculo “Fala Fala Falangueira”, da compañía Matrioska Teatro, representarase ás 18:30 na Casa da Cultura. A obra está recomendada para maiores de sete anos e aborda a lingua galega desde o humor, a imaxinación e a reflexión crítica.
Con esta programación, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa defensa da lingua galega e co apoio á cultura local, apostando por unha celebración diversa que une tradición, creación contemporánea e participación cidadá.
Todas as actividades son de balde agás o roteiro temático que ten un custe de 2€ ou 3€ dependendo de se se ten tarxeta cidadá ou non.