Concello da Coruña e RAG inauguran ciclo sobre mulleres referentes

Na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán a partir deste 11 de marzo

A Coruña | A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán abrirá este xoves un ciclo de conversas con mulleres referentes en distintos ámbitos que se estenderá, cun encontro mensual, ata decembro de 2021. A iniciativa, promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega, arrincará coa participación da rexedora herculina, Inés Rey. O presidente da RAG e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, inaugurará o ciclo. A sesión poderá seguirse a partir das 18 horas na canle de Youtube da Concellería de Cultura do Concello da Coruña. Os seguintes encontros terán lugar á mesma hora o primeiro xoves de cada mes e emitiranse na mesma plataforma.

O ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo enmárcase no programa de actividades de conmemoración do centenario do pasamento da escritora, á que renderá homenaxe traendo á actualidade o seu legado a través dunha serie de charlas. As oito mulleres convidadas falarán así con xornalistas das súas respectivas traxectorias profesionais e das dificultades ás que tiveron que facer fronte por seren mulleres.

Tras a sesión inaugural con Inés Rey, as seguintes protagonistas serán a académica Marilar Aleixandre e a música Susana Seivane; a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; a delegada de Facenda en Galicia, Imelda Capote; a que foi a primeira directora da Radio Galega, Rosa Martínez; a xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), María de la Cámara; e a escultora e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Soledad Penalta.

Inés Rey conversará este xoves, 11 de marzo –na semana da celebración do Día Internacional da Muller–, coa presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia, María Méndez. A xornalista Cristina Lombao entrevistará o 8 de abril a académica Marilar Aleixandre sobre as mulleres nas academias; a contribución feminina á música galega será o tema da conversa do 6 de maio entre a artista Susana Seivane e Manolo Rodríguez; e o programa continuará o 3 de xuño, coa participación da xornalista, escritora e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, que conversará con Pepe Castro.

O ciclo retomarase o 2 de setembro coa conversa entre Imelda Capote, delegada de Facenda en Galicia, e Luis Llera. O 7 de outubro a protagonista será a xornalista Rosa Martínez, que falará con Chus Castro da súa experiencia como primeira directora da Radio Galega. O papel das mulleres na sanidade será o tema do encontro do 4 de novembro entre María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do CHUAC, e Cristina de la Vega. O ciclo rematará o 2 de decembro coa escultora e académica de Belas Artes Soledad Penalta, que será entrevistada por Noela Bao.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!