Concello da Coruña destina máis de 2 millóns € nas novas Bolsas Comedor

Así o anunciou a alcaldesa Inés Rey

A Coruña | A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou as novas bases para o curso que vén das Bolsas Comedor. A principal novidade, tal e como explicou a alcaldesa Inés Rey en rolda de prensa, é que se simplifica notablemente o procedemento de solicitude para facilitar os trámites ás familias.

O Concello destinará 2.050.000 euros ás Bolsas Comedor. Estas axudas municipais supoñen a contía total nos centros públicos e unha achega mensual de 80 euros nos centros concertados ou privados, que pode chegar a 98 euros en función de determinadas circunstancias.

Vai destinada a nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial. O período para solicitalas será do 2 ao 31 de marzo deste 2022. Deste xeito, adiántase un mes o prazo con respecto á convocatoria anterior.

As familias terán, este ano, que achegar unha documentación simplificada e modificarase o concepto de unidade familiar nuclear, permitindo que os pais e nais separados con custodia compartida non teñan que presentar o convenio regulador.

“Esta é unha acción central do noso goberno que axuda de forma directa cada ano a familias de máis de 2.000 nenos para garantir que poidan facerse cargo deste gasto”, apuntou Inés Rey.

Axudas á rehabilitación, Cinema Avenida e Becas Norteamérica
Por outra banda, a XGL tamén aprobou na súa xuntanza de hoxe diferentes axudas á rehabilitación de vivendas, ás que se achegará preto de medio millón de euros. O obxectivo destas subvencións é a mellora da eficiencia enerxética en tres inmobles da cidade situados en Maxistrado Manuel Artime (64.500 euros), rúa Illas Cíes (326.929 euros) e rúa Rei Abdullah (78.614 euros). Son axudas para comunidades de veciños que supoñen ata un 30% do custo das obras que van realizar en cada un dos inmobles.

O Concello tamén concedeu a licenza de obra a Abanca para a rehabilitación do edificio do Cinema Avenida. O proxecto conta cun investimento valorado en 3,9 millóns de euros e cumpre con todos os trámites e informes previos necesarios. Dito inmoble está protexido e as actuacións deberán respectar os volumes orixinais do cinema. “É unha boa noticia para a cidade, xa que permitirá rehabilitar este emblemático edificio querido por todas e todos os coruñeses”, sinalou Inés Rey.

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou tamén os novos criterios que se aplicarán este ano nas bolsas de estudos para estancias dun curso en Norteamérica. Nesta ocasión, e por mor das restricións establecidas desde Estados Unidos por mor da pandemia, cunha sensible redución do número de visados de estudos, decidiuse estender o programa a Canadá, cun sistema educativo que comparte valores co estadounidense e destino habitual tamén para este tipo de estadías de estudos.